La Perra Blanco actúa este mércores no Festival Noites do Porto con entradas esgotadas

ACoruñaXa
A banda de rockabilly presentará o seu novo disco en A Coruña, cun concerto no que tamén actuará o músico local Néstor Pardo
La Perra Blanco
25 sep 2024

Este mércores 25 de setembro, La Perra Blanco, unha das bandas de rock’n’roll máis aclamadas de Europa, actuará no Garufa Club dentro do ciclo Noites do Porto da Coruña. O concerto, coas entradas xa esgotadas, supón a primeira oportunidade para o público galego de escoitar en directo o seu último traballo, Get it Out. A banda liderada pola gaditana Alba Blanco, coñecida como "a nova reina do rockabilly", traerá á Coruña o seu explosivo son que mestura rock, country e blues dos anos 50.

A apertura de portas será ás 20.00 horas, e o encargado de inaugurar a noite será o músico local Néstor Pardo, quen preparou un espectáculo especial para a ocasión. A xornada promete unha intensa sesión de rock e diversión, nun evento que marca o quinto "sold out" consecutivo de Noites do Porto, tras os éxitos de Mudhoney, Rocío Luna, Alina Bzhinshezka & Tony Kofi Duo e Alcalá Norte.

Ademais do concerto en Garufa Club, a festa continuará no bar El Antiguo coa cápsula Noites nos Bares. A partir das 23.00 horas, a DJ inglesa Joey ‘The Tornado’ Hill, acompañada polo selector local Rawthebarber, encherá o local de rockabilly e R&B nunha sesión con acceso gratuíto ata completar aforo.

O público aínda pode adquirir as últimas entradas para outros concertos de Noites do Porto, incluíndo os directos de Bala e Bernard Butler en salas, ou os de Baiuca, Delaossa e Carlangas, que terán lugar o venres e o sábado no peirao da Batería.

Este festival, impulsado por MASGALICIA e apoiado por diferentes institucións, é xa unha cita ineludible da programación cultural coruñesa e, este ano, espállase por toda a cidade con 25 artistas e bandas durante 8 días de música e espectáculos.

0.23720002174377