A Deputación de A Coruña condena o xenocidio en Gaza e reclama un alto o fogo inmediato

ACoruñaXa
O pleno aproba por maioría unha moción de PSdeG e BNG que solidarízase co pobo palestino, pide a entrada urxente de axuda humanitaria e limita a participación institucional en actos vinculados ao Estado de Israel
DEPUTACION CORUÑA fin xenocidio
3 Oct 2025

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada de maneira conxunta polo PSdeG-PSOE e o BNG na que se condena o que o texto define como o “xenocidio que o Goberno de Israel está a cometer en Gaza”, se reclama un cesamento inmediato das hostilidades, a entrada urxente de axuda humanitaria e o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos socialistas, nacionalistas e do deputado de Alternativa dos Veciños; o Grupo Popular abstívose.

No texto aprobado a corporación expresa a súa solidariedade co pobo palestino e manifesta o apoio ás manifestacións e expresións cívicas de apoio. A Deputación acordou, ademais, que non participará de maneira activa en actos deportivos, culturais ou institucionais nos que participen entidades que representen ao Estado de Israel ou estean financiadas por el, nin en actividades que poidan contribuír a promover ou branquear a situación denunciada; tamén reforzarase o apoio provincial a proxectos de cooperación galega con Palestina.

A moción recolle, así mesmo, a reclamación do cumprimento do dereito internacional e o respecto aos dereitos humanos, e aposta por unha solución xusta e duradeira que garanta a paz, a soberanía e a dignidade de Palestina. No texto inclúese a petición de que Hamás non teña papel na gobernanza palestina e que entregue as armas á Autoridade Palestina.

Na mesma sesión plenaria aprobáronse outras iniciativas, entre elas a moción do Grupo Popular sobre responsabilidades relacionadas co funcionamento do sistema Cometa para vítimas de violencia de xénero e a moción do Grupo Socialista sobre discursos de odio e violencia política; ademais, saíu adiante unha declaración institucional en apoio ás medidas da Xunta contra os incendios.

⚙ Configurar cookies
0.10545301437378