La animación toma A Coruña na novena edición de Animacción

A asociación Ánimas Anónimas presentou no bar Ateneo a programación da novena edición do Festival Internacional de Animación Animacción, que se desenvolverá do 27 de outubro ao 1 de novembro con múltiples actividades en distintos espazos da cidade.
A Coruña acollerá a inauguración o luns 27 ás 12:30 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña coa exhibición da sección xeral a concurso. Esa mesma xornada, ás 19:00 na Real Academia de Belas Artes, terá lugar a conferencia do director e guionista Salvador Simó, autor de títulos recoñecidos coma Buñuel en el laberinto de las tortugas.
Ao longo da semana haberá pases orientados ao alumnado en centros coma o CIFP Imaxe e Son (EIS) e a EASD Pablo Picasso, mentres que pola tarde e noite diferentes sedes coruñesas abrirán proxeccións ao público xeral: a Filmoteca de Galicia programará sesións de Panorama Galicia Retro e proxectos da sección xeral, incluíndo o documental palestino The Wanted 18 (20:30), e o Fórum Metropolitano acollerá varias sesións de Panorama Galicia Retro e pases da sección xeral, así como proxeccións destinadas ao público infantil e familiar.
Un dos momentos destacados será a charla con Juan Pablo Zaramella o xoves 30 ás 16:30 na Real Academia de Belas Artes; ese día, pola tarde, proxectarase tamén Memorias de un caracol na Filmoteca, un filme de stop-motion con múltiples recoñecementos internacionais.
A edición inclúe un carácter solidario: nas proxeccións das obras palestinas The Wanted e The Tower habilitarase unha taquilla inversa para doazóns voluntarias. As achegas serán xestionadas polas asociacións Galiza por Palestina e Cabezón por Gaza para facerlles chegar os fondos aos autores palestinos.
A participación do público é clave: serán as e os asistentes quen, mediante votación, decidan o Premio principal do festival.