Kwon Betanzos brilla no Galego cadete e xuvenil con seis ouros na cita de Betanzos

ACoruñaXa
O JFR Taekwondo levou o título por equipos en cadete e o Natural Sport impúxose na xeral xuvenil nunha xornada marcada polos puntos de ranking
BETANZOS kwon campeonato junior y cadete
2 Feb 2026

O taekwondo galego tivo este ano unha das súas datas sinaladas en Betanzos, onde se disputaron no mesmo día os Campionatos de Galicia das categorías cadete e xuvenil, con combates pola mañá e pola tarde no pavillón municipal José María Valeiro Iglesias.

Na clasificación por equipos, o protagonismo repartiu coroas: o JFR Taekwondo impúxose na xeral cadete, mentres que o Natural Sport subiu ao máis alto en xunior, ademais de ser segundo en cadete.

A gran nota local púxoa o Kwon Betanzos, que pechou a fin de semana cun balance de seis medallas de ouro e seis de bronce sumando os dous campionatos. No apartado xuvenil, o club brigantino foi o que máis metais dourados asinou (catro) e quedou ás portas do primeiro posto por equipos, a só catro puntos do liderado, un desenlace que resume o equilibrio dunha xornada de moita igualdade. O Kwon tamén celebrou o triunfo no campionato por equipos en xuvenil feminino.

No plano individual, os ouros do Kwon chegaron da man de Aintzane Vázquez, Mencía Villar, Julia Gómez, Arianna Deibe, Antón Quintero e Adrián Bello, nunha competición que o propio club afrontaba co foco posto no ranking e nas prazas de clasificación. E é que, máis alá das medallas, a cita de Betanzos era clave porque os resultados contan de cara á configuración das seleccións e as convocatorias para os campionatos estatais nas próximas semanas.

A proba, ademais, xogábase ‘na casa’ para o Kwon, que exerceu como entidade organizadora por delegación federativa e coa implicación institucional do municipio. O club chegaba á fin de semana cunha canteira ampla e unha traxectoria consolidada na cidade, un traballo de base que explica a súa presenza habitual en podios autonómicos.

Xunto ás entidades máis destacadas na clasificación xeral, tamén houbo nomes propios noutros equipos. O Maniotas Noia anotou dous títulos xuvenís (Aline Fabeiro e Yago Sande), e o Costado Taekwondo Boiro sumou un ouro con Víctor Costado, recoñecido ademais como mellor competidor.

⚙ Configurar cookies
0.079549074172974