Julio Abalde salienta a transformación do borde litoral da ría do Burgo para facer fronte ao cambio climático

ACoruñaXa
O proxecto do Ministerio para a Transición Ecolóxica mellorará máis de 4 quilómetros de litoral entre A Coruña, Culleredo, Oleiros e Cambre cun investimento próximo aos 6 millóns de euros, co remate previsto para xullo de 2026
CULLEREDO julio abalde burgo
24 Nov 2025

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou hoxe o inicio das obras na marxe dereita da ría do Burgo, no tramo que conecta os termos municipais de Oleiros e Cambre. Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto estatal para a mellora do borde litoral da ría, financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e cun orzamento global que rolda os 6 millóns de euros.

O plan abrangue máis de 4 quilómetros de litoral e desenvólvese en dúas fases: a intervención na marxe esquerda, xa en marcha desde o mes pasado, nos termos municipais da Coruña e Culleredo, e a nova fase na marxe dereita, que prolongará o paseo desde o recinto de Oleiros ata Cambre. A previsión é que o conxunto das obras remate en xullo de 2026.

Abalde subliñou que estas actuacións permiten avanzar cara a unha ría 'máis accesible, máis protexida e mellor preparada fronte ao cambio climático', ao tempo que consolidan 'un espazo litoral de referencia para o uso público e para a mellora ambiental da comarca'.

Na marxe dereita, os traballos inclúen a posta en valor do paseo natural existente entre Oleiros e Cambre e a restauración ambiental do bordo costeiro. En Oleiros está prevista a substitución de especies vexetais alóctonas por outras propias do ecosistema, o reforzo dos bordos costeiros e a aplicación de técnicas de bioenxeñaría. Ademais, construiranse 435 metros de novo paseo, con acabado en lousa de granito na zona peonil e pavimento de formigón coloreado no carril bici, ambos con tres metros de ancho, así como un pretil de granito con pedestais para a iluminación.

No termo municipal de Cambre completarase a continuidade do carril bici durante 116 metros, executaranse traballos de rexeneración vexetal, reorganizaranse as instalacións de iluminación e drenaxe e mellorarase o borde litoral mantendo e acondicionando os muros existentes.

Os primeiros labores céntranse no acondicionamento de accesos, sinalización e cartelería, tratamento de taludes, demolicións puntuais e movemento de terras. O orzamento desta fase acada os 1.805.464,39 euros.

O subdelegado avanzou tamén que nas vindeiras semanas se iniciarán as obras de tratamento ambiental no borde litoral do parque do Paraíso, co obxectivo de mellorar o tránsito peonil ao longo de 200 metros, cun investimento de 656.837 euros.

Abalde concluíu que o conxunto das intervencións 'constitúe unha actuación integral que reforza a resiliencia da ría fronte ao cambio climático e mellora de maneira notable a súa accesibilidade, a calidade ambiental e o desfrute cidadán deste espazo estratéxico da área metropolitana'.

⚙ Configurar cookies
0.071160078048706