Julia Benedetti, a estrela olímpica do skate coruñesa, recibe o recoñecemento da súa cidade natal

ACoruñaXa
A deportista con apenas 20 anos conta con dúas participacións nos Xogos Olímpicos
julia-benedeti
11 Apr 2025

A Coruña celebrou o talento e a traxectoria dunha das súas deportistas máis prometedoras: a patinadora Julia Benedetti, que foi homenaxeada pola alcaldesa Inés Rey no Palacio Municipal de María Pita. A coruñesa, que xa conta con dúas participacións nos Xogos Olímpicos con apenas 20 anos, recibiu o premio á deportista destacada do 2024, galardón que non puidera recoller na pasada Cea do Deporte.

"Julia é un exemplo de constancia, talento e paixón polo deporte. A súa proxección é impresionante e estamos seguros de que continuará dándonos grandes alegrías", afirmou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

Benedetti fixo historia en 2021 nos Xogos de Tokio, onde participou con só 16 anos na estrea do monopatinaxe como disciplina olímpica. Alí foi unha das 20 mellores do mundo e unha das dúas representantes españolas na categoría de parque, rematando no posto 16. No pasado ano, en París, a súa puntuación de 70,27 destacou pola calidade da súa rolda final, aínda que dúas caídas impediron o seu pase á final.

A homenaxe serviu tamén para poñer en valor o esforzo do Concello da Coruña no impulso do deporte entre a mocidade, cunha aposta decidida pola mellora das instalacións para a práctica do skate e outros deportes urbanos. “Temos novos espazos como as Naves do Metrosidero, a área multideporte de José Toubes ou o renovado skatepark de Eirís”, destacou Inés Rey.

Julia Benedetti simboliza o espírito dunha nova xeración de deportistas coruñeses que demostran que coa paixón e o apoio adecuado é posible chegar ao máis alto.

⚙ Configurar cookies
0.1712121963501