Judeline, Paula Koops e DJ Cascales protagonizan a sexta xornada do Atlantic Pride na Coruña

ACoruñaXa
O festival continúa así a súa aposta por unha programación diversa, inclusiva e de vangarda
judeline-atlantic
11 Jul 2025

A Coruña prepárase para vivir unha noite inesquecible este venres, 11 de xullo, coa chegada dunha das artistas máis prometedoras da escena musical estatal: Judeline. A cantante andaluza, considerada unha das figuras máis destacadas da neotradición musical actual, actuará nos Xardíns de Méndez Núñez a partir das 00.15 horas, dentro do programa do Atlantic Pride 2025.

A artista, que vén de levar o seu hipnótico Joropo ao festival de Coachella —onde compartiu cartel con nomes coma Lady Gaga, Charli XCX ou Travis Scott— promete en Galicia “un directo para o recordo” co seu xa recoñecido pop experimental, un estilo propio que bebe de fontes tan diversas como o flamenco, o trap, o R&B ou o reguetón, e do que son seguidores artistas da talla de Rosalía ou Bad Bunny.

Antes de Judeline, ás 22.15 horas, será a quenda de Paula Koops, considerada unha das grandes promesas do novo pop español. Co seu son persoal, a artista madrileña evocará “con nostalxia a unha fusión dos estrañados anos 2000 coas tendencias musicais actuais”, engadindo emoción e enerxía á xornada.

A programación desta sexta xornada do Atlantic Pride, coñecida como o 'Orgullo do Norte', comezará ás 20.00 horas coa sesión de DJ Cés, e continuará ás 21.30 horas cunha nova posta en escena drag a cargo de Ariel Rec & Gaylicia, que repetirán actuación ás 23.45 horas. A noite pecharase ás 01.15 horas co ritmo e a enerxía do reputado DJ Cascales, encargado de facer bailar ao público ata ben entrada a madrugada.

O Atlantic Pride continúa así a súa aposta por unha programación diversa, inclusiva e de vangarda, que combina grandes nomes da música con artistas emerxentes, nun escenario que xa é todo un referente do verán cultural na cidade herculina.

 

⚙ Configurar cookies
0.14677691459656