Joshua Tarling gaña a proba do 'Gran Camiño' disputada nas rúas da Coruña
O ciclista británico Joshua Tarling, do equipo INEOS Grenadiers, fíxose co triunfo na primeira etapa do 'Gran Camiño', disputada este xoves na cidade da Coruña. Unha proba que contou coa participación de 119 deportistas de nivel mundial, pertencentes a 17 equipos. Tratouse dunha contra o reloxo desenvolvida integramente nas rúas da cidade da Coruña dunha distancia de 14,9 quilómetros.
A Joshua Tarling acompañárono no podio o irlandés Darren Rafferty, do equipo EF Education - EasyPost, como segundo, e o aragonés Pablo Castrillo, de Kern Pharma, no terceiro lugar. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de dar a saída desta proba, que puido seguirse en directo por máis de 170 países e por numerosas persoas nas rúas da cidade, a pesar do mal tempo. Debido aos fortes refachos de vento, a organización e os equipos decidiron competir con bicicletas convencionais de ruta en lugar das específicas para contra o reloxo, polo que os tempos finais non contarán para a clasificación xeral.
Ao evento tamén acudiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, quen participou na entrega de premios. Diego Calvo entregoulle ao líder da carreira o maillot amarelo. Ademais se entregaron premios ao vencedor da etapa, ao corredor máis combativo da xornada, ao ganador por equipos e ao líder da clasificación da montaña, así como o maillot ao mellor xove clasificado.
O 'Gran Camiño' é a proba ciclista por etapas máis importante de Galicia e unha das máis importantes de España, coa que moitos equipos inician o seu calendario anual de cara ás grandes citas internacionais. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, foi un dos encargardos de entregar os premios aos primeiros clasificados.
A contra o reloxo disputada na Coruña tivo como punto de saída e chegada a Torre de Hércules, que este ano conmemora o seu décimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade. Os ciclistas partiron un a un desde o faro, levando a cabo un percorrido de 14,9 quilómetros que atravesou o paseo Marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou,
Inés Rey destacou a importante visibilidade que dan da cidade grandes eventos deportivos coma este. “Contar na cidade cos mellores ciclistas do mundo é un privilexio para os coruñeses e coruñesas, mais tamén para amosarlle ao mundo unha cidade vangardista e con cabida para este tipo de acontecementos”, indicou.
'O Gran Camiño' continuará hoxe co Camiño de Lugo, con 155,6 quilómetros entre Taboada e Chantada. A etapa máis longa será a do sábado, 24 de febreiro, a do Camiño de Ourense, de Xinzo de Limia a Ribadavia con 183,3 quilómetros. O pelotón pedaleará a última etapa o domingo, 25 de febreiro co Camiño de Pontevedra nun percorrido de 158,7 quilómetros de Ponteareas a Tui.
Amplo dispositivo de seguridade
Durante a xornada, o Concello coordinou un amplo dispositivo de control formado por diferentes corpos de seguridade públicos e privados, voluntarios e persoal municipal, que deu apoio á organización da proba e tamén á cidadanía. Durante as últimas semanas leváronse a cabo por parte do Concello comunicacións aos diferentes colectivos da cidade co obxectivo de establecer alternativas ao tráfico e o tránsito peonil. No día de hoxe non se produciron incidencias destacables.
O Gran Camiño consta de catro etapas, sendo a primeira a única que transcorre na súa totalidade nunha cidade galega. Tras A Coruña, a proba trasladarase a Taboada este venres 23, desde onde chegará a Chantada. O sábado 24 disputarase unha etapa entre Xinzo de Limia e Ribadavia e o domingo 25 concluirá a proba cun último percorrido entre Ponteareas e o parque natural do Monte Loia.