José Ramón Rioboo inaugura na Coruña o III Congreso Internacional de Protocolo e Organización de Eventos Deportivos

ACoruñaXa
O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital da Deputación destaca o papel da provincia como referente na organización de eventos deportivos e aposta por máis innovación, seguridade e sustentabilidade nestas citas
DEPUTACIÓN protocolo deportivo
26 Nov 2025

O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo, inaugurou este mércores 26 de novembro, no Espazo Avenida ABANCA da Coruña, o III Congreso Internacional de Protocolo e Organización de Eventos Deportivos. Trátase dun encontro profesional impulsado pola Asociación Española de Protocolo (AEP) que se celebra entre o 25 e o 28 de novembro e que reúne na cidade a expertos e entidades deportivas de ámbito estatal e internacional.

No seu discurso de apertura, Rioboo puxo en valor a 'aposta firme da Deputación pola profesionalización, a modernización e a excelencia' na organización de eventos deportivos, e subliñou que este avance é resultado 'dun esforzo colectivo que permitiu converter a provincia nun referente en planificación, protocolo e seguridade' nas centos de probas e competicións que se desenvolven cada ano ao abeiro da institución provincial.

O deputado resaltou o labor dos equipos técnicos, do persoal de apoio, do voluntariado e das entidades colaboradoras, aos que definiu como 'pezas fundamentais dunha engrenaxe que aposta pola calidade, pola innovación e por experiencias deportivas cada vez máis completas, inclusivas e sostibles'. Lembrou tamén que as citas deportivas promovidas pola Deputación 'non son só competicións, senón espazos que fomentan a igualdade, a participación social e a promoción do territorio', ademais de funcionar como motor económico en coordinación cos concellos, federacións e clubes.

O congreso, que durante catro xornadas aborda cuestións como a innovación, a sustentabilidade, a seguridade, a xestión de crises, o protocolo institucional ou o papel do voluntariado, consolídase como unha das principais plataformas de debate e formación sobre organización de eventos deportivos no Estado. Entre os contidos destacan mesas de traballo e relatorios arredor da comunicación, da accesibilidade ou do impacto económico e turístico dos grandes eventos.

Rioboo rematou a súa intervención salientando que este encontro 'é unha oportunidade para seguir afinando procedementos, anticipar retos e incorporar melloras' na xestión das probas deportivas, e mostrouse convencido de que o intercambio de experiencias entre profesionais, institucións e empresas 'permitirá seguir elevando o nivel dos eventos deportivos da provincia e reforzar o liderado da Coruña neste ámbito'.

⚙ Configurar cookies
0.072222948074341