José Manuel Andrade, director da Fundación Juan de Vega: "Galicia é unha potencia en moitos sectores do agro"

ACoruñaXa
O director da Fundación Juana de Vega considera que "hai xente nova interesada no rural e que ve o rural como un lugar de oportunidades, pero segue habendo prexuízos"
José Manuel Andrade é o director de Fundación Juana de Vega con sede no Concello de Oleiros en A Coruña
24 Mar 2024

Miriam García

Para José Manuel Andrade Calvo (Cabana, 1975) a formación é a fonte do saber e por iso, defende a importancia das actividades no eido da educación levadas ao cabo pola Fundación Juana de Vega.

 

-Que é e como xorde a Fundación Juana de Vega?

A Fundación Juana de Vega é unha entidade privada de carácter non lucrativo, creada no ano 1872, por Juana de Vega, nacida na cidade da Coruña en 1085 no seo dunha familia ilustrada e liberal que fixo fortuna en Cuba na La Habana.

Casou moi nova co xeneral Francisco Espoz y Mina, un heroe da Guerra da Independencia e xa viúva, foi aia da Raíña Isabel II pero, sobre todo e durante toda a súa vida, foi unha muller cunha fonda preocupación social. Ao final da súa vida, ao non ter descendencia, deixou todo o seu patrimonio para constituír esta fundación co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura e mellorar a formación das persoas que naquel momento se dedicaban á agricultura.

Hoxe en día, a Fundación continúa desenvolvendo o seu cometido a prol do desenvolvemento rural de Galicia, pero adaptado á realidade e ás necesidades da sociedade actual, moi diferentes ás que existían no século XIX. As nosas tres áreas estratéxicas de traballo son: apoio ao sector agroalimentario, innovación e investigación e paisaxe e territorio. Ademais, a Fundación sostén a Cátedra Juana de Vega, na Universidade de Santiago de Compostela, para contribuír á difusión da vida e obra da nosa fundadora.

-Como foi a vosa evolución desde o voso nacemento ata agora?

A nosa evolución podemos resumila en dúas etapas. Unha primeira na que a Fundación non desenvolveu practicamente actividades porque Dª Juana pedía que, para a posta en marcha da escola teórico-práctica de agricultura por parte da Fundación, se chegase a un acordo coa Deputación da Coruña, pero por razóns que hoxe descoñecemos, este acordo non se acadou. Durante esa etapa, traballamos basicamente no mantemento da base patrimonial procedente da herdanza de Dª Juana e, sobre todo, nos anos 70-80, fíxose unha intensa recuperación do patrimonio inmobiliario. A segunda etapa podemos encadrala despois dos anos oitenta, comezando a actividade con bolsas de estudos universitarios para carreiras da rama agraria, para xa, desde hai uns 20 anos, multiplicar de xeito moi notable a nosa actividade.

-Que actividades levades ao cabo na zona da Coruña?

Moitas actividades, sobre todo no eido formativo, ao desenvolvérense na nosa sede en Oleiros, fanse na zona da Coruña. En calquera caso, os beneficiarios ou usuarios das actividades da Fundación Juana de Vega proceden de toda Galicia.

-Como vos organizades? Tedes voluntariados?

O máximo órgano de dirección da Fundación Juana de Vega é o padroado, formado por nove patróns e patroas, que teñen un cargo non remunerado. Ademais, conta cunha dirección, tres direccións de área e un equipo técnico altamente cualificado para a xestión e coordinación dos proxectos nos que participamos, así como para a xestión do patrimonio inmobiliario e financeiro da Fundación. A Fundación non conta con voluntarios para o desenvolvemento da súa actividade.

-Tedes programa de mentores para o emprendemento rural de xente nova?

Desde o ano 2012 desenvolvemos o Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias. Naceu nun contexto de crise económica no que había xente que quedara en desemprego noutros sectores e volvía mirar para o rural como un lugar onde emprender, para en moitos casos, poñer en marcha aquela idea que sempre tiveran na cabeza, pero que non desenvolveran porque tiñan outra actividade ou outro traballo. Ao quedaren en desemprego, apostaron por iniciar esa nova actividade no rural e iso foi o que nos fixo poñer en marcha este programa, para axudarlles a facer realidade esa idea empresarial.

Nestes once anos, temos apoiado máis de 110 proxectos empresariais, dos cales o 80% deles chegaron a poñerse en marcha, e hoxe o 92% deles continúan no mercado xerando riqueza e emprego no rural da nosa comunidade.

-Como percibides a evolución do mundo rural galego nos últimos anos?

O mundo rural transformouse moito e para mellor. Hoxe Galicia é unha potencia en moitos sectores: no lácteo, no forestal, no vitivinícola, no cárnico,... Somos a rexión coa maior produción leiteira de España e estamos entre as dez primeiras da UE, un sector altamente profesionalizado e tecnificado. É certo que todos eles presentan unha serie de problemáticas e de amezas, pero tamén oportunidades que é necesario afrontar e aproveitar. Loxicamente queda moito por facer, pero creo que estamos ben encamiñados para continuar fortalecendo os principais sectores produtivos do agro galego.

-Cada vez a xente nova está máis interesada polo rural? Segue a haber prexuízos?

Eu creo que efectivamente hai xente nova interesada no rural e que ve o rural como un lugar de oportunidades, pero segue habendo prexuízos. Lévase moito tempo, xeracións, presentando o rural como atraso, ou sempre transmitindo que os agricultores e gandeiros viven na ruína permanente, cando a realidade e os datos amosan o contrario. Este cambio cultural asociado ao cambio da percepción do rural non é doado, pero está mudando pouco a pouco.

En Galicia temos exemplos de éxito en todos os sectores do primario e da súa industria de transformación, e habería que contar e transmitir á sociedade e aos rapaces, desde idades temperás estes casos de éxito, de empresas do rural, vinculadas ao sector primario, que están xerando riqueza, emprego e xestionando territorio en beneficio de toda a sociedade galega. Isto axudaría tamén a cambiar a percepción da sociedade sobre o rural e a impulsar ese cambio cultural.

-Que balance facedes do ano 2023? Como foi o ano para a Fundación?

O 2023 foi un ano bo para a Fundación. Tivemos éxito na captación de proxectos competitivos de I+D+i a nivel europeo, nacional e autonómico. Esta é unha liña prioritaria de traballo para a Fundación que vimos potenciando nos últimos anos. Na actualidade, estamos traballando en once proxectos financiados ou co-financiados polos programas Horizonte Europa, Life, Interreg Europe, Sudoe, Poctep, Fundación Biodiversidad e polos Grupos Operativos autonómicos financiados con fondos FEADER. Estes proxectos supoñen un investimento de máis de 5,8M€ no rural de Galicia nos próximos tres anos.

-Que obxectivos tendes de cara ao 2024?

Os obxectivos cara ao 2024 son consolidar as liñas de traballo actuais no eido do desenvolvemento rural, da investigación e da innovación e da paisaxe, e seguir medrando na captación de proxectos con financiamento europeo e nacional, para mellorar e ampliar a capacidade de actuación da Fundación a prol do desenvolvemento do noso medio rural.

-Que proxectos de futuro teñen pensado poñer en marcha este ano?

Temos pensado presentar novas ideas a convocatorias de Grupos Operativos ou convocatorias europeas e nacionais, sempre en colaboración con outros axentes do sector, porque para nós, as sinerxías e a creación de redes entre as entidades que estamos actuando no rural de Galicia son un factor clave para mellorar o impacto do noso traballo.

En paralelo, estaremos desenvolvendo os proxectos aprobados en 2023. Así, comezaremos un proxecto para impulsar os circuítos curtos de alimentación, outro para o desenvolvemento de iniciativas de xestión multifuncional do monte en zonas queimadas de alto valor natural, outro para a implantación de comunidades enerxéticas no rural, e outro máis para a optimización da rega en cultivos agrarios con auga procedente de depuradoras.

En definitiva, proxectos moi variados, con diferentes obxectivos, pero sempre cun obxectivo común, que é o de mellorar a competitividade dos espazos rurais de Galicia

0.19828796386719