Jorquera levará de novo ao Pleno as verteduras de graneis na estrada do porto e na AC-10

O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, volverá poñer sobre a mesa no Pleno do xoves 2 de outubro as verteduras de graneis que —segundo denuncia— se seguen producindo na calzada da estrada do porto e na AC-10. A iniciativa entrarase como rogo oral, despois de que os rexistrados en xuño e xullo non tivesen, a xuízo do grupo, efectos palpables sobre a situación.
O BNG reclama que o Goberno local realice xestións directas coa Autoridade Portuaria e co Ministerio de Transportes —titular da AC-10— para poñer fin a un problema que considera un risco para a seguridade viaria, especialmente para ciclistas e motoristas. A formación achega fotografías tomadas os días 30 de xullo, 9 de setembro e 22 de setembro como testemuño da persistencia das verteduras.
Jorquera insiste en que é necesario actuar con dilixencia, esixir medidas de prevención e limpeza inmediata e responsabilidades ás empresas ou organismos competentes, coa fin de garantir unha circulación segura nunha das principais entradas e saídas da cidade.