Jorquera anuncia que deixará a política municipal de A Coruña ao remate do mandato

ACoruñaXa
O portavoz do BNG non optará á Alcaldía nas eleccións de 2027 e ofrece tamén o seu relevo á fronte do grupo municipal se a organización o considera oportuno
Imaxe da bancada do BNG no pleno da Coruña de maio
11 Mar 2026

Francisco Jorquera puxo data final á súa etapa no Concello da Coruña. O portavoz municipal do BNG anunciou este mércores que non será candidato á Alcaldía nas eleccións locais de 2027 e que, por tanto, abandonará o seu traballo na corporación ao remate do actual mandato. A decisión, segundo explicou, foi comunicada previamente ao Consello Local da formación e responde a unha reflexión 'longamente meditada'.

Na súa comparecencia, Jorquera sinalou que pecha un ciclo por unha suma de razóns persoais e políticas. Asegurou que quere dedicar máis tempo á súa vida familiar e persoal e admitiu tamén que, cando se celebren os comicios municipais, estará preto dos 66 anos e non se ve con forzas para continuar outros catro anos na corporación. Na súa opinión, a cidade necesita persoas 'con forza, con ganas e con ilusión' capaces de darlle un novo impulso.

O edil nacionalista defendeu ademais que na política, como na vida, cómpre saber pechar etapas. Desde esa perspectiva, sostivo que xa achegou á cidade e á política municipal todo o que podía ofrecer e reivindicou que no BNG hai xente nova e preparada para asumir o relevo. Jorquera avanzou que esas persoas contarán co seu apoio porque considera que a formación nacionalista representa 'a alternativa necesaria' para A Coruña.

Aínda así, deixou claro que a súa saída non será inmediata. A súa intención é continuar como concelleiro ata o final do mandato, aínda que tamén puxo o cargo de portavoz do grupo municipal a disposición da organización por se o grupo e o Consello Local estiman conveniente adiantar ese relevo antes das municipais.

Durante a rolda de prensa, Jorquera agradeceu a confianza depositada nel polo BNG nas dúas últimas convocatorias locais e tamén noutras responsabilidades anteriores, tanto no Senado como no Congreso e no Parlamento galego. Reivindicou ter exercido sempre as súas funcións con honestidade e responsabilidade, e aproveitou para defender a política como 'unha ferramenta imprescindible' ao servizo do ben común nun contexto que definiu como marcado polo populismo e pola degradación da vida pública.

Sobre o futuro inmediato do grupo municipal, o portavoz evitou entrar en quinielas e limitouse a lembrar que a escolla da candidatura abrirá agora o seu propio proceso interno. Mentres tanto, avanzou que o BNG seguirá exercendo unha oposición crítica ao Goberno local, reclamando o cumprimento do acordo de investidura e mantendo a negociación naquelas cuestións que considere positivas para a maioría social da cidade.

0.12025308609009