Jordi Moltó protagoniza a xornada deste martes no Encontro Mundial de Humorismo 2024
A cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo regresa este martes, 30 de abril, ás táboas coruñesas con dúas novas actividades nas que a reflexión, o debate e as risas están servidas. O Teatro Colón acolle, ás 19.30h, cos convites xa esgotados, a proposta 'Lo que me han enseñado los mayores', unha clase maxistral co guionista de televisión Jordi Moltó, coñecido polos seus emotivos e escachantes vídeos no que as protagonistas son persoas de idade avanzada en plena forma.
Tamén na tarde deste martes, 30 de abril, ás 20.00h, o EMHU ofrecerá un parladoiro para debater sobre os asuntos máis polémicos e delicados da comedia no Auditorio da Sede Afundación, baixo o título 'Coidado coas bromas: unha mesa redonda sobre os perigos da comedia', da man de Alberto Olmos, Dani Alés, José María Rodríguez e Luis Álvaro. Esta conversa, de acceso gratuíto, forma parte da campaña Cultura por Alimentos, na que o EMHU colabora con Afundación (Obra social ABANCA), de xeito que o público terá a opción de “trocar” a súa entrada de balde por unha doazón de alimentos non perecedoiros.
Jordi Moltó leva máis de 25 anos escribindo para radio e televisión, en programas tan soados como Crónicas Marcianas ou El Hormiguero, entre moitos outros. Os seus vídeos -emotivos experimentos sociolóxicos onde os protagonistas son os avós- espalláronse por todo o mundo, acadando, nalgúns casos, máis de 500 millóns de visualizacións. Estes experimentos, como o do avó skater, o titorial do reggaetón en 30 segundos, a carta que un grupo de xubilados escribe aos Reis Magos, a avoa bailarina ou o avó culturista, leva a Moltó a defender unha conclusión: “se estás ben de saúde, a idade non é máis que un estado mental”. O guionista desembarca agora no EMHU cunha escachante proposta para reverter ese tráxico sentimento de facernos maiores.
Doutra banda, ábrese o pano e aparece un prestixioso columnista, un teórico da comedia e dous dos máis refinados cómicos da stand-up nacional, nunha mesa, falando sobre algúns dos asuntos máis polémicos e delicados da comedia: 'Coidado coas bromas: unha mesa redonda sobre os perigos da comedia'.
Alberto Olmos é escritor e xornalista. Debutou en 1998 coa novela A bordo del naufragio, finalista do Premio Herralde. A esta obra seguíronlle Trenes hacia Tokio, Ejército enemigo ou Alabanza. É columnista do diario El Confidencial. O seu labor literario e xornalístico foi recoñecido co Premio Ojo Crítico de RNE e o I Premio David Gistau de xornalismo.
Dani Alés é cómico de stand-up desde hai tanto tempo que xa empeza a ser demasiado. Fracasou en varios programas de televisión (Comedy Central, La Sexta, Cuatro), suspendeu actuacións por falta de público e apenas ten seguidores en Instagram. Iso si: pétao moi por encima do seu irrelevancia. Formado en Madrid (filólogo e doutor en Literatura) e Nova York (dramaturgo e director teatral cunha bolsa Fulbright), é director do Congreso Nacional de Comedia, coordinou Micro aberto: textos sobre stand-up comedy (UAM) e prepara El pequeño mundo del cómico (La Uña Rota).
José María Rodríguez é profesor titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Unha parte dos seus traballos dedicounos á análise e descrición teórico-literaria do monólogo cómico. Participou en distintos congresos sobre a comedia e o humor para expoñer as súas investigacións e coordinou o libro colectivo El monólogo cómico. Poética y retórica de la comedia de stand-up: transferencias y escena. Tamén foi membro do comité organizador do Congreso Nacional de Comedia.
Luis Álvaro leva case 15 anos ofrecendo a súa propia versión da stand-up comedy. A profundidade naif do seu material e a súa explosiva posta en escena afástanlle de calquera outro cómico do planeta: se o vistes en directo, xa o sabes. Recrutou fieis seguidores tras o seu paso por varios espazos de comedia nacionais (Comedy Central, Buenafuente, Ilustres Ignorantes) e mesmo ten actuado no estranxeiro, mais asegura que o gran público –o teu pai, a túa tía– descubrirá o seu talento aos 60, como a Chiquito.