Jesusa Cabeza ‘Susa’ recibe a placa de Choqueira do Ano 2024

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia de que persoas como 'Susa' e a súa, precesora, Merceditas se erixan como referentes e símbolos identitarios do Entroido da Coruña
Choqueira do ano na Coruña 2024
8 Feb 2024

A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega esta mañá de xoves da placa conmemorativa que acredita como Choqueira do Ano a Jesusa Cabeza García 'Susa'. O acto, que tivo lugar no Circo de Artesáns, escenificou o recoñecemento das comparsas a unha figura clave no Entroido da Coruña, no que 'Susa' participa desde a década dos setenta. No acto tamén participou o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga.

Co seu nomeamento como Choqueira do Ano, 'Susa' recolle o testemuño de Merceditas, homenaxeada na pasada edición do Entroido. "'Susa' escenifica á perfección o que é o Entroido coruñés, o Entroido choqueiro. Ese Entroido no que non fai falta gastar un peso en disfraces para poder gozar da troula do martes na rúa da Torre", describiu Inés Rey.

Inés Rey puxo en valor o percorrido de 'Susa' pois, "aínda que xa era veterana do Entroido, non foi ata o ano 2010 cando se presentou ao concurso de choqueiras. Mais foi chegar e encher, pois conseguiu o primeiro premio e, desde entón, obtivo diferentes mencións", lembrou a rexedora.

Na entrega da placa conmemorativa a 'Susa', a alcaldesa fixo fincapé na importancia de que persoas como 'Susa' ou Merceditas se erixan como referentes e símbolos identitarios do Entroido da Coruña. "Confío en que elas, así como outras tantas choqueiras e choqueiros ilustres, inspiren ás seguintes xeracións para manter vivo e activo este Entroido, un dos máis especiais de Galicia", subliñou Inés Rey.

Por outra banda, está previsto que esta tarde, a partir das 20.00 horas, a alcaldesa participe no Xoves de Comadres, que este ano está dedicado á figura de Ángela Labaca no 190 aniversario do seu nacemente. Trátase dunha filántropa coruñesa que fundou a escola para nenos e nenas con poucos recursos que hoxe leva o seu nome. Desde alí, en Juan Flórez, partirá a comitiva en dirección á praza de María Pita.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16726303100586