Jeff Tweedy actuará no Teatro Colón o 8 de febreiro para presentar o seu novo álbum en solitario

Jeff Tweedy, figura clave do rock alternativo estadounidense e fundador de Wilco, ofrecerá un concerto no Teatro Colón o vindeiro 8 de febreiro. A cita servirá para presentar o seu novo traballo en solitario, Twilight Override, nunha xira europea moi restrinxida que apenas pasará por unhas poucas capitais.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destaca que se trata da “única actuación en Galicia dun referente absoluto da música alternativa”, subliñando a aposta do Goberno municipal por unha programación diversa e de calidade.
Tweedy chega por primeira vez á Coruña nun formato íntimo que repasará décadas de creación musical. Ademais das novas cancións, o público poderá escoitar composicións das súas diferentes etapas, incluíndo clásicos de Wilco e Uncle Tupelo, bandas coas que contribuíu a definir o alt-country moderno.
Co seu estilo sobrio e emocional, o músico estadounidense consolidouse como unha das voces máis recoñecibles da escena americana, cunha obra que destaca pola honestidade, o intimismo e unha profunda conexión co público.
O concerto enmárcase no Underfest Xacobeo, festival en expansión por distintos espazos de Galicia, e conta coa colaboración do Concello da Coruña. Un encontro moi esperado polos amantes do rock de raíces, o folk e a canción de autor.