Isabel Risco regresa aos escenarios como Nabiza Girl para loitar polo futuro da cultura galega

A actriz e creadora Isabel Risco volverá meterse na pel da súa emblemática personaxe, Nabiza Girl, nesta nova aventura escénica titulada 'As aventuras de Nabiza Girl. O estraño caso da Cultura Minguante'. O espectáculo representarase o vindeiro 14 de marzo no Centro Sociocultural Ágora, con entrada gratuíta ata completar capacidade.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por achegar a cultura, sobre todo a galega, a toda a cidadanía, con programación propia de balde, como é o caso deste espectáculo”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Nesta nova entrega, Nabiza Girl –a intrépida superheroína do rural recoñecida pola súa fouce, estrela vermella e firme defensa da identidade galega– enfrontarase a un reto de gran urxencia: combater o esmorecemento da cultura galega. A mingua de falantes e a perda de tradicións converteranse nos principais inimigos dunha historia que mestura humor, acción e compromiso social.
O espectáculo está escrito pola propia Isabel Risco, en colaboración cos guionistas Carlos Ares e Fran Rei, quen tamén asume a dirección da obra. A heroína non estará soa nesta loita, xa que contará co apoio de Don Galizo, un escudeiro leal interpretado polo actor Alberte Bello, que engadirá momentos cómicos á montaxe.
Esta volta aos escenarios supón o regreso de Nabiza Girl ao seu formato orixinal, tras explorar outras disciplinas artísticas nos últimos anos. En 2023, o personaxe protagonizou o cómic As aventuras de Nabiza Girl. Operación Breogán (Demo Editorial), creado xunto ao guionista Carlos Ares, o debuxante Manel Cráneo e a produtora Marta Horjales. Xa en 2024, deu o salto ao audiovisual coa serie web en stop-motion 'Así falamos, así sentimos', producida por Algarabía Animación, para reforzar a identidade galega entre a mocidade.
O equipo artístico desta nova montaxe complétase con Estefanía Gómez na coreografía, Suso Montero e a propia Risco no deseño escenográfico, Javier A. Ayude á fronte da iluminación e Marta Horjales como coordinadora.