Isa e Bego, protagonistas do cartel do 'Antroido' da Coruña 2026

A alcaldesa da A Coruña, Inés Rey, presentou este martes a imaxe e a programación do Entroido da Coruña 2026, nun acto celebrado na praza de María Pita no que tamén participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e representantes das comparsas da cidade.
O cartel deste ano mantén a liña iniciada en 2025 e volve render homenaxe á figura do choqueiro ou choqueira do ano. Nesta edición, o recoñecemento recae en Isa e Bego, dúas figuras moi coñecidas do antroido coruñés. A alcaldesa destacou que ambas ‘representan á perfección o espírito do antroido choqueiro, no que con moi pouco se consegue pasalo ao grande’, poñendo en valor tamén o traballo constante das comparsas, ás que agradeceu a súa dedicación durante todo o ano.
Begoña Mosquera, docente no CEIP Curros Enríquez e natural de Monte Alto, é sobriña de Canzobre, unha das figuras históricas do entroido coruñés. Pola súa banda, Isabel Sánchez, coruñesa de adopción, rexenta un comercio na zona de Orillamar e leva disfrazándose de choqueira desde os 12 anos. Coñecidas no mundo das comparsas como ‘as toliñas’, contan cun amplo e creativo repertorio de disfraces.
A programación municipal comeza este sábado 7 de febreiro e prolongarase ata o día 21. O Palacio da Ópera acollerá ás 18.00 horas o concurso de comparsas de música e letra, presentado por terceiro ano consecutivo por David Amor. A comparsa gañadora actuará na entronización do Deus Momo, o venres 13 no Campo da Leña e na atalaia de San Roque. Debido ás obras nos Cantóns, parte dos festexos trasladaranse este ano á contorna do Campo da Leña.
O concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas celebrarase o sábado 14 a partir das 18.00 horas, cun total de 22 comparsas inscritas no desfile. O Concello repartirá ata 50 premios, cun importe global de 20.000 euros. Ese mesmo día haberá unha actuación musical de Farra Fanfarra en María Pita e nas rúas próximas.
O Castelo de San Antón sumarase á programación con visitas guiadas e obradoiros infantís e para adultos o sábado 14, todas as actividades gratuítas previa inscrición. Ademais, o xoves 12 renderase homenaxe á científica Ángeles Alvariño cun acto no Arquivo Histórico Municipal de Durán Loriga, coincidindo co Xoves de Comadres.
Do 13 ao 16 de febreiro, os centros cívicos acollerán festas e obradoiros infantís en numerosos barrios da cidade, dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Haberá talleres de máscaras, accesorios e xogos dinamizados por monitores especializados.
O día grande será o Martes de Entroido, con actividades concentradas no Campo da Leña e na rúa da Torre. Celebraranse os tradicionais concursos de disfraces e de choqueiros e choqueiras, tanto infantís como de adultos, con inscrición presencial o propio día. A xornada pecharase cunha actuación musical de Chekan ás 21.00 horas.
Ese mesmo martes terá lugar a colocación da placa de choqueira do ano dedicada a Isa e Bego na rúa de San Xosé, ás 13.30 horas. Ademais, o Andar do Entroido homenaxeará aos Kilomberos de Monte Alto cunha nova lousa na súa honra. Como cada ano, haberá lembranzas para figuras históricas do antroido, concursos de filloas e orellas e o velorio da sardiña no Circo de Artesáns, que o mércores 18 será levada en procesión ata San Amaro para pechar as celebracións. O dispositivo municipal contará tamén con Puntos Violeta nos días de maior afluencia.