Irixoa pon en marcha ‘Expres-Arte’ con catro sesións para maiores de 60 anos

O Concello de Irixoa organiza, co financiamento do Programa de Envellecemento Activo da Deputación da Coruña (FOEAC), o ciclo ‘Expres-Arte’, unha proposta con catro sesións dirixidas a persoas maiores de 60 anos que queren explorar diferentes expresións artísticas como vía para conectar consigo mesmas e relaxarse. As actividades desenvolveranse na Biblioteca Municipal de Irixoa os días 20 e 27 de outubro e 3 e 11 de novembro, en horario de 16.30 a 18.00.
A iniciativa ten como obxectivo crear un espazo seguro e amable onde a creatividade actúe como ferramenta de benestar, socialización e estimulación cognitiva, favorecendo a expresión persoal e o ocio saudable. Ao longo das sesións, introduciranse dinámicas sinxelas para que calquera persoa —con ou sen experiencia previa— poida gozar do proceso artístico e compartir tempo de calidade coa veciñanza.
As persoas interesadas en participar contan con información e inscricións nos Servizos Sociais Municipais ou no teléfono 981 793 001. O programa está destinado preferentemente a persoas empadroadas no municipio.