Irixoa inaugura a nova Senda das Fervenzas do río Zarzo cunha aposta pola sustentabilidade

ACoruñaXa
Unha actuación, promovida pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesa, que recupera un espazo natural de alto valor ecolóxico e cultural
irixoa-fervenza
1 Aug 2025

O Concello de Irixoa acolleu o acto de inauguración do acondicionamento paisaxístico da Senda das Fervenzas do río Zarzo, unha actuación que recupera un espazo natural de alto valor ecolóxico e cultural. A intervención foi promovida pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas en colaboración co Concello de Irixoa e forma parte dun proxecto piloto incluído na Bolsa de Proxectos para a Descarbonización e Mellora de Destino, dentro do Plan de Sostibilidade Turística da Reserva de Biosfera. O investimento ascendeu a preto de 15.000 euros, financiados con fondos Next Generation da Unión Europea a través do Goberno de España.

O acto contou coa participación da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, xunto ao alcalde de Irixoa, Antonio Deibe; a directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, María del Carmen Pita, e o presidente do Consello de Dirección da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso.

Durante a súa intervención, Rivas destacou que “o que hoxe inauguramos aquí é moito máis que unha obra de mellora nunha contorna natural, é unha aposta firme polo interior como destino turístico de calidade”. Engadiu que esta senda é “un lugar para andar, para mirar, para escoitar o son da auga ao caer, para recoñecer especies autóctonas, para lembrar como era a vida nos muíños e para sentirnos parte dunha paisaxe que queremos protexer”.

A subdelegada puxo en valor o patrimonio natural e etnográfico do interior galego e insistiu en que “Galicia non é só costa. Galicia tamén é montaña, é río, é bosque, é patrimonio vivo e silencioso que pide ser redescuberto. E Irixoa, con espazos como este, ten un enorme potencial para ofrecer unha alternativa turística máis sostible e conectada coa terra”.

O proxecto actuou sobre 700 metros de senda branda, aproveitando antigas corredoiras que comunicaban muíños e parcelas. Incluíu a eliminación de especies invasoras como o eucalipto, a conservación da vexetación autóctona de ribeira e a incorporación de escaleiras e pasarelas de madeira, así como sinalización interpretativa para dar a coñecer os valores naturais e históricos da zona.

Rivas quixo subliñar o traballo conxunto entre administracións, entidades locais e veciñanza, indicando que “a sustentabilidade aquí non é só un concepto, é unha realidade que se materializa en cada paso que damos para que o turismo sexa compatible coa protección da contorna”.

A modo de peche, agradeceu a implicación de todas as persoas e institucións que fixeron posible esta iniciativa e lanzou unha mensaxe clara á cidadanía: “Estamos recuperando non só un camiño, senón tamén un xeito de relacionarnos co noso territorio. Que esta senda sexa percorrida con respecto, con curiosidade e con orgullo”.

⚙ Configurar cookies
0.18108510971069