Irixoa entrega os premios do VIII Concurso de Postais de Nadal 2025

O Concello de Irixoa celebrou no salón de plenos da casa consistorial a entrega de premios do VIII Concurso de Postais de Nadal 2025, unha iniciativa xa consolidada no municipio para fomentar a creatividade entre a cativada nestas datas.
As postais gañadoras foron as de Samuel Vázquez Martínez (categoría de 3 a 5 anos), Hugo Barallobre Pérez (5 a 8 anos), Valentina Vázquez Martínez (9 a 11 anos) e Emma Pérez López (12 a 14 anos), segundo o fallo do tribunal, que se reuniu o 4 de decembro.
O certame establecía catro categorías por idades e un premio para cada unha delas, consistente nun diploma e un vale regalo de 70 euros. Ademais, as obras premiadas pasan a empregarse para a elaboración da postal oficial de felicitación de Nadal que o Concello distribúe entre a veciñanza.
Desde o consistorio trasladaron os parabéns ás gañadoras e gañadores e agradeceron a participación das familias, destacando a implicación da comunidade educativa e o nivel das creacións presentadas, que cada ano converten este concurso nunha das citas destacadas do Nadal en Irixoa.