Irixoa convoca o VIII Concurso de Postais de Nadal para menores de ata 14 anos


O Concello de Irixoa vén de lanzar a oitava edición do seu ‘Concurso de Postais de Nadal’, unha iniciativa dirixida á rapazada empadroada no municipio de ata 14 anos de idade. As creacións poderán presentarse ata o 28 de novembro, ben por correo ordinario ao Concello (Pazo de Irixoa, 6A, 15313 Irixoa) ou de forma presencial nas oficinas municipais, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
O certame establece catro franxas de idade: de 3 a 5 anos, de 6 a 8 anos, de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas postais, que se valorarán de maneira individual. O xurado terá en conta a técnica utilizada, a presentación, o esforzo, a orixinalidade e tamén a mensaxe incluída en cada traballo.
As postais deberán facerse sobre cartolina, por unha soa cara, cun tamaño comprendido entre 21x15 centímetros e o formato máximo A4. Admitiranse distintas técnicas plásticas como pintura, acuarela, témpera ou collage, aínda que se recomenda evitar materiais que poidan desprenderse coa manipulación. As bases tamén desaconsellan as postais pregadas ou debuxadas por ambas caras. Cada creación terá que incorporar unha mensaxe de felicitación do Nadal en lingua galega que conteña a palabra ‘Irixoa’.
Na parte traseira de cada postal deberá figurar un título e a idade da nena ou do neno participante. As obras introduciranse nun sobre no que se indicarán, na solapa, o nome e os apelidos do menor e a súa idade. O sobre entregarase xunto co formulario de solicitude, dispoñible na páxina web municipal e nas oficinas xerais do Concello.
Entre todas as creacións presentadas, o xurado escollerá unha postal gañadora por cada categoría. As catro persoas premiadas recibirán un diploma e un vale regalo de 70 euros. Ademais, os traballos distinguidos pasarán a ser propiedade do Concello e servirán de base para a postal oficial de felicitación de Nadal que o municipio distribúe cada ano entre a veciñanza. A decisión do xurado farase pública o 4 de decembro e a entrega de premios terá lugar no salón de sesións da Casa Consistorial.
As bases recollen igualmente que quedarán excluídas as propostas con mensaxes sexistas, racistas, xenófobas ou ofensivas, e detallan a cesión de dereitos de reprodución das obras gañadoras, así como o tratamento dos datos persoais das persoas participantes. A organización lembra que a participación no concurso implica a aceptación íntegra das condicións recollidas na convocatoria, que se pode consultar no taboleiro de anuncios físico e electrónico do Concello de Irixoa.