Irixoa celebrará o Entroido 2026 cunha gran festa e concurso de disfraces


O Concello de Irixoa xa ten todo preparado para celebrar o Entroido 2026 cunha gran festa aberta á veciñanza, que terá lugar o luns 16 de febreiro na carpa instalada no campo da festa do municipio.
A celebración arrancará a partir das 23.30 horas e estará amenizada pola actuación da Orquestra Fuego, dentro do programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Un dos pratos fortes da noite será o concurso de disfraces de Entroido, que contará con diferentes categorías e premios económicos. Na modalidade individual ou parella repartiranse 140 euros e agasallo para o primeiro premio, 120 euros e agasallo para o segundo e 100 euros e agasallo para o terceiro. No caso da categoría de grupos, para formacións de tres ou máis persoas, os premios serán de 240, 220 e 200 euros, todos eles acompañados de agasallo.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 11 de febreiro a través da sede electrónica do Concello, no trámite de solicitude xeral xuntando o modelo correspondente. Tamén se poderá formalizar a inscrición de maneira presencial ou telefónica no Departamento de Cultura do Concello, chamando ao número 981.793.001, ou por correo electrónico no enderezo elisa.alonso@irixoa.es. Ademais, habilitarase un prazo extraordinario o propio día do concurso, desde as 23:30 horas do 16 de febreiro ata as 00:30 horas do día 17, na propia carpa.