Irixoa activa o campamento de Nadal ‘Irixoa concilia’ para nenas e nenos de 3 a 15 anos

O Concello de Irixoa vén de anunciar unha nova edición do campamento de Nadal ‘Irixoa concilia’, un servizo de conciliación familiar incluído no Plan Corresponsables, iniciativa estatal impulsada polo Ministerio de Igualdade e xestionada en Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade para apoiar ás familias no coidado de menores e favorecer a corresponsabilidade. O municipio conta para este programa cunha achega de máis de 18.000 euros, segundo a resolución autonómica de distribución de fondos.
O espazo de coidado diríxese a crianzas de entre 3 e 15 anos, que estarán atendidas por persoal profesional do ámbito dos coidados nas instalacións municipais do polideportivo e da Biblioteca Municipal. Ao longo das xornadas desenvolveranse actividades deportivas, propostas lúdicas e tarefas de reforzo educativo, sempre cun enfoque igualitario e de respecto, tal e como subliña o Concello.
A programación de Nadal completarase con actuacións teatrais e musicais financiadas a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ás que poderán asistir tamén as familias, convertendo o campamento nun punto de encontro interxeracional e nun espazo de lecer compartido.
O campamento celebrarase do 22 de decembro ao 5 de xaneiro, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os prezos establécense de acordo coa ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de actividades deportivas, culturais e outras actividades de carácter puntual, publicada no BOP número 182 do mércores 24 de setembro de 2025. Así, a cota xeral marcarase en 20 euros por campamento completo para nenas e nenos empadroados en Irixoa (10 euros por semana) e en 60 euros para menores non empadroados (30 euros por semana).
As familias con dificultades económicas ou con rendas baixas poderán solicitar a exención do pagamento ou distintas bonificacións en función da súa situación, para o que deberán presentar a correspondente solicitude xunto coa documentación xustificativa que acredite as circunstancias alegadas.
O prazo de inscrición permanece aberto ata o 12 de decembro. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva dentro deste período para asegurar a súa praza.