Irixoa abre a Casa do Maior 'Agarimo' cunha semana de portas abertas en Casanova

A Casa do Maior 'Agarimo', situada na antiga escola de Casanova, celebra dende hoxe e ata o venres 21 de novembro unha semana de portas abertas para dar a coñecer o seu funcionamento ás persoas maiores e ás súas familias. Este recurso, que botou a andar a principios deste ano no municipio de Irixoa, está concibido para mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos e favorecer que poidan seguir vivindo na súa contorna habitual.
A Casa do Maior é un servizo financiado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo principal a atención e prevención da dependencia. Diríxese a persoas a partir dos 60 anos, que poden acudir de luns a venres en horario de 8.00 a 16.00 horas, cun funcionamento flexible para adaptarse ás necesidades de cada usuario. Tanto o servizo como o transporte son gratuítos para as persoas participantes.
Durante esta semana de portas abertas, que se desenvolverá do 17 ao 21 de novembro en horario de 10.00 a 16.00 horas, o persoal do centro explicará os programas que se ofrecen, as actividades de estimulación física e cognitiva e as vantaxes deste recurso para os maiores e as súas familias.
As persoas interesadas poden solicitar máis información na propia Casa do Maior 'Agarimo' ou a través dos Servizos Sociais do Concello de Irixoa, onde tamén se lles orientará sobre o acceso ao servizo e os requisitos de participación.