Invístense máis de 350.200 euros no novo xulgado de primeira instancia da Coruña

ACoruñaXa
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou este luns o novo órgano xudicial que comeza a funcionar esta semana e será atendido por 8 traballadores da Administración de Xustiza
Imaxe dos xuzgados da Coruña
1 Abr 2024

A Xunta destina máis de 350.200 euros anuais aos custos de persoal e á dotación de equipamento do novo xulgado da Coruña. O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou este luns xunto co xuíz decano da Coruña, Luis Merino, o novo xulgado de Primeira Instancia constituído ao abeiro do Real Decreto de creación de novas unidades xudiciais.

O xulgado de Primeira Instancia nº16 en materia civil contará con 8 prazas de funcionarios (3 xestores, 4 tramitadores e 1 auxilio), que suporán unha achega de máis de 350.200 euros anuais por parte da Xunta. As 8 prazas supoñen máis de 303.100 euros, máis do 86% do custo total da posta en marcha desta unidade xudicial. A esta contía súmanse 30.000 euros en mobiliario e outros 17.100 de equipamento informático necesario para o seu correcto funcionamento.

O Goberno central concedeu a Galicia para este ano dúas prazas de maxistrado -unha para a sección segunda da Audiencia provincial da Coruña e outra para a sección sexta da de Pontevedra, con sede en Vigo- xa creadas, ademais do xulgado de Primeira Instancia número 16 da Coruña posto en funcionamento esta semana. Deste xeito, o Ministerio de Xustiza atendeu só parte das peticións feitas no marco da Comisión Mixta entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A solicitude da Comisión Mixta incluía a creación dun novo xulgado de violencia sobre a muller en Santiago de Compostela, co obxectivo de estendelos nos anos posteriores ás demais cidades, xa que só A Coruña e Vigo dispoñen deles. Tamén se pedira un xulgado de Primeira Instancia en Ourense, un do contencioso-administrativo en Santiago de Compostela, un do Social en Ferrol e xulgados mixtos nos partidos xudiciais de Vilagarcía de Arousa, Viveiro, Ribeira e Carballo.

Cómpre aclarar que a Xunta acepta todas as unidades xudiciais concedidas polo Ministerio de Xustiza cada anualidade reservando a partida orzamentaria correspondente para asumir o custo de persoal dos funcionarios da Administración de Xustiza e a dotación de equipamento co obxectivo de que entren en funcionamiento a comezos de ano. No que se refire ás novas unidades xudiciais correspondentes á programación de 2023, a demora da publicación do real decreto por parte do Goberno central cos xulgados concedidos ata finais de decembro, retrasou a posta en marcha do novo xulgado visitado hoxe.

0.15946197509766