Invístense máis de 2 millóns na mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia no 2024
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña vén de publicar a concesión definitiva do programa de subvencións dirixido a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña no 2024. O departamento provincial de Turismo inviste este exercicio 2.006.200 euros, cunha achega máxima de 150.000 euros por beneficiario.
Neste sentido, un total de 18 entidades de diferente índole recibiron estas axudas da Deputación, entre as que se atopan a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, , a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ou a Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas – Betanzos.
O vicepresidente, Xosé Regueira, destaca a importancia da “cooperación entre todos os axentes do sector” para a promoción turística da provincia “dende un punto de vista sostible pero tamén cohesionado”. Regueira referiuse á “diversidade na nosa oferta turística”, cunha provincia que “alberga 8 xeodestinos moi diferentes, pero con liñas estratéxicas conxuntas que son o resultado dese traballo colaborativo”.
A resolución da concesión definitiva e o listado das entidades beneficiarias das subvencións poden consultarse no BOP deste martes 25 de xuño.