Invístense 885.000 euros nos programas de servizos sociais de 67 entidades da provincia

ACoruñaXa
A Deputación apoia a través desta liña de axudas terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas. Ademais do respiro familiar, o transporte adaptado e a integración social
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitando Aspronaga (Oleiros)
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitando Aspronaga (Oleiros)
26 Feb 2024

A Deputación da Coruña publica este luns 26 de febreiro, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a concesión provisional das subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas e servizos en materia de servizos sociais para o ano 2024, cun investimento total de 884.896,98 euros.

As axudas da Deputación chegarán este ano a un total 67 entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia da Coruña que desenvolven o seu traballo no eido social, con subvencións de ata 24.559 euros. A listaxe de entidades con axudas concedidas pode consultarse no seguinte enlace do BOP.

Mediante esta liña de axudas, a Deputación pretende apoiar o traballo das entidades sociais da provincia co obxectivo de que os seus servizos cheguen ao maior número de persoas posible. “As entidades que traballan no ámbito social na provincia da Coruña realizan unha labor fundamental con aqueles colectivos especialmente vulnerables. Un traballo que chega a miles de persoas e familias que desde a Deputación queremos apoiar e reforzar con estas liñas de axudas”, afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, detallou que, entre os programas e servizos cofinanciados pola Deputación da Coruña en todo o territorio provincial “hai terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar e coidado de persoas maiores ou con discapacidade, transporte adaptado ou integración social e laboral que benefician a miles de persoas e lles axudan a mellorar a sua calidade da vida”.

A deputada subliñou que o apoio da Deputación ás entidades sociais da provincia da Coruña conta tamén con liñas específicas para a mellora e mantemento dos centros, para o financiamento de programas sociocomunitarios ou para a adquisición de vehículos para transporte adaptado que chegan cada ano a máis de 250 entidades da provincia.

0.09182596206665