Invístense 451.900 euros a celebración de 19 grandes eventos deportivos na provincia da Coruña
A Deputación da Coruña publicou este venres no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional de 19 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia que levan a cabo distintos eventos deportivos de singular interese nos concellos da provincia durante o ano 2024.
Estas achegas provinciais, incluídas nunha das múltiples liñas de subvencións ao deporte que impulsa cada ano a Deputación, supoñen investimentos global de 451.900 euros, que teñen como obxectivo “apoiar a celebración de grandes eventos deportivos, que reúnen a deportistas de gran nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da nosa provincia a nivel nacional e internacional ”, segundo destacou o deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, que subliñou que a Deputación destina este ano 4,5 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para impulsar o deporte coruñés, desde as categorías de base a grandes eventos coma estes.
As axudas, que oscilan entre os 13.500 e os 36.000 euros, poden consultarse no seguinte enlace.
Entre as axudas concedidas na convocatoria inclúense probas deportivas de renome como o Pantín Classic Galicia Pro, proba da World Surf League; os campionatos de Autocross de Carballo e Arteixo, puntuables para o campionato de España; o Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña, o campionato de España de Enduro en Santiago de Compostela, a Samurai Xtreme Race do lago das Pontes, os eallyes de Ferrol, A Coruña e Narón e Noia, Equiocio en Ferrol ou a IX Copa de España de natación en augas abertas RFEN Ézaro.