Invístense 2.708.948 euros nas obras do novo centro de saúde de Abegondo

ACoruñaXa
O novo equipamento sanitario permitirá a renovación dunha infraestrutura que ten xa máis de 35 anos e favorecerá unha atención máis integral a case 5.000 pacientes
Imaxe do proxecto do novo centro de saúde de Abegondo
27 Apr 2024

A Xunta vén de adxudicar por 2.708.948 euros  a execución das obras do novo centro de saúde de Abegondo.

Esta intervención, adxudicada á empresa Seranco, S.A.., conta cun prazo de execución de 12 meses e permitirá renovar o centro de saúde de Abegondo, que ten xa máis de 35 anos, favorecendo unha atención máis integral a preto de 5.000 pacientes.

A previsión da Xunta é poder iniciar as obras as obras do novo centro de saúde no mes de xuño, para a posta en servizo do novo centro de saúde a mediados do 2025. O prazo de execución das obras é de 12 meses, ao que seguirán as probas de funcionamento.

As obras adxudicadas

Baixo este contrato, o adxudicatario executará, nunha parcela de 1.415 m2 de superficie no centro urbano do municipio coruñés, o novo centro de saúde de Abegondo. A superficie total construída do novo edificio será de 1.221 m2, con 965 mútiles. Estarán distribuídos en planta soto, con 70m2 construídos; unha planta baixa de 956,60 m2; e planta primeira de 194,90 m2.

No seu deseño, optouse por situar na planta baixa o máximo número de dependencias e levar á planta primeira as de uso privado ou restrinxido. Así, na planta baixa, emprazaranse todos os servizos de acceso público, na planta primeira a zona de persoal e na cuberta as instalacións necesarias.

A configuración do edificio seguirá un esquema en H. Deste xeito, o acceso ao novo edificio será centrado e cuberto e con acceso rodado para ambulancias. Tras o acceso sitúase á área administrativa e de recepción, con dúas bandas extremas de consultas e unha zona cos servizos auxiliares. Ademais, ao sur oeste emprazarase a área de pediatría con dúas consultas, baño e sala de espera e ao sur este situarase a sala para a toma de mostras.

A zona central prolóngase na primeira planta coa área de persoal e na cuberta coas instalacións. Destacan na construción deste novo edificio do centro de saúde de Abegondo o deseño contemporáneo, integrado na súa contorna e primando o uso sustentable da madeira.

Ao respecto, o Sergas e a Axencia Galega de Industria Forestal, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, teñen un acordo para impulsar o uso sustentable da madeira nas consultas e nas salas de espera dos novos centros de saúde, co obxectivo de favorecer a súa humanización e contribuír a un maior benestar dos usuarios e do persoal sanitario.

Deste xeito, o sistema estrutural do edificio do novo centro de saúde de Abegondo, nos muros perimetrais e corpo central, será de madeira contralaminada, sobre os que se apoian vigas de madeira laminada.

Disporá dun sistema envolvente na cuberta e na fachada. A cuberta será axardinada con plantas autóctonas de baixo ou nulo mantemento sobre illamento forzado e dobre impermeabilizante, falsos teitos de xeso nas consultas e nas salas de espera deixaranse as estruturas de madeira vistas.

As fachadas revístense co illamento de lá de roca, lámina transpirante e acabado ventilado de paneis de madeira cemento; nas frontes norte e sur proponse un entramado de madeira con táboa tratada de autoclave para garantir a durabilidade. Ademais, a carpintería exterior será de madeira laminada de castaño con folla oculta e vidro tripla.

A produción de auga quente realizarase cun sistema de 3 unidades de aerotermia e para a instalación de climatización se disporán fancoils de dos tubos en cada estancia.

Cumprimento do compromiso

A execución deste novo centro de saúde dá cumprimento o compromiso adquirido co Concello de Abegondo, a través do convenio de colaboración coa Consellería de Sanidade, a través do Sergas, para a construción dun centro de saúde no municipio coruñés. Para facelo posible, o Concello de Abegondo elaborou un plan especial de infraestruturas e dotacións que completou todos os seus trámites administrativos e aprobouse por unanimidade no Pleno do Concello.

O novo centro de saúde de Abegondo contará con 3 consultas de medicina, 3 consultas de enfermería, 1 sala de educación maternal, 1 sala de técnicas, 1 polivalente/urxencias habilitada para poder realizar a cirurxía menor, 1 de infecciosos, 1 consulta de pediatría, e de enfermería pediátrica. Xunto ao anterior, mellorarase a área de persoal, cunha sala de estar, vestiarios e un despacho de coordinación.

Este novo centro de saúde forma parte da fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que aprobou a Xunta en novembro de 2021 con máis de 50 actuacións para modernizar a rede de centros de saúde de Galicia.

0.15086889266968