Invístense 125.000 euros en furgonetas para cinco clubs de remo piragüismo e vela da provincia
A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva das subvencións a clubs de remo, vela, piragüismo e salvamento e socorrismo para a adquisición de vehículos para uso deportivo.
Os clubs beneficiarios nesta convocatoria son o Club Alamar de Sada, o Club de Regatas Perillo de Oleiros, o Club de Remo de Ares, o Club do Mar de Mugardos e o Club Marítimo O Puntal de Oza (A Coruña).
Cada unha destas entidades recibirá unha achega económica de 25.000 euros, que supón o 80% do prezo de adquisición dos vehículos, imprescindibles para a súa actividade deportiva.
O deputado de Deportes, Antonio Leira Piñeiro, afirmou que con esta liña de axudas, a área de Deportes da institución provincial pretende apoiar aos clubs de deportes naúticos de longa tradición na provincia e axudalos a manter a súa actividade, que require o transporte de material, embarcacións e persoas tanto para os adestramentos como para a participación en competicións.