Invisten máis de 525.000 euros na restauración da igrexa de Santa María de Azougue

ACoruñaXa
As obras de renovación da cuberta e da sancristía estarán rematadas en marzo, cun apoio da Xunta de 450.000 euros
Reforma igrexa de Santa María de Azougue en Betanzos
9 Jan 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou esta mañá as obras de renovación da cuberta e da sancristía da igrexa de Santa María de Azougue, en Betanzos. Esta intervención conta cun apoio económico do Goberno galego de case 450.000 euros e forma parte dun proxecto que busca resolver problemas de humidade e conservación no templo gótico, edificado entre os séculos XIV e XV.

As obras, que está previsto finalizar a finais de marzo, inclúen a substitución das cubertas do templo, a sancristía e o acceso ao campanario. Para iso, empréganse materiais como tella especial e ganchos de aceiro inoxidable, e no caso do campanario, tamén se renovan viguetas e elementos de madeira de castiñeiro. Ademais, as fachadas do templo están sendo sometidas a unha limpeza manual, eliminando vexetación e rexuntando as zonas deterioradas con morteiro de cal.

Outras actuacións destacadas inclúen a impermeabilización da espadana-campanario mediante chapa de cobre, así como a colocación de vidros nas ventás e un trasdosado ventilado para evitar humidades no interior. A Consellería de Cultura asinou unha addenda ao convenio coa Diocese de Santiago para garantir a execución destas actuacións.

A delegada salientou que este proxecto dá continuidade a outras intervencións realizadas entre 2021 e 2023 no retablo, cun investimento adicional de 75.500 euros, elevando o apoio total da Xunta a máis de 525.000 euros. “Esta actuación reflicte o compromiso do Goberno galego coa conservación do patrimonio de Betanzos. Somos a administración máis comprometida neste ámbito”, afirmou Belén do Campo.

 

0.12144494056702