Investigan varios incendios presuntamente provocados de madrugada en Rutis, Culleredo

ACoruñaXa
O episodio máis grave calcinou un galpón con animais na rúa Manuel Antonio, que puideron ser evacuados a tempo
CULLEREDO av rutis
5 Jan 2026

As forzas de seguridade investigan unha serie de lumes rexistrados na madrugada deste luns 5 de xaneiro en distintas rúas da parroquia de Rutis, no concello de Culleredo. Segundo os primeiros indicios, trátase de incendios intencionados localizados na contorna de A Corveira e Vilaboa.

Os feitos iniciáronse arredor da 1.30 horas, cando alguén foi prendendo lume de maneira consecutiva a varios contedores nas rúas A Carballeira, Antón Vilar Ponte e A Xeca. A Policía Local interveu para apagalos empregando extintores e realizou batidas pola zona para tratar de identificar ao posible responsable.

Máis tarde, sobre as 4.30 horas, produciuse o incendio de maior gravidade nun galpón situado na rúa Manuel Antonio. O espazo era utilizado por un particular para albergar animais e no seu interior había un cabalo, un tenreiro, cabras, ovellas e galiñas, que puideron ser sacados sen resultar afectados polas chamas. A presenza de abundante palla no interior facilitou a propagación do lume.

Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros dos parques provinciais de Arteixo e Betanzos, que lograron sufocar o incendio. Ningunha vivenda da contorna resultou danada, aínda que o galpón quedou completamente calcinado. A Garda Civil, tamén presente no operativo, abriu unha investigación para dar co autor ou autores dos feitos.

⚙ Configurar cookies
0.082476139068604