Investigadores da UDC participan nun estudo europeo sobre a saúde dos solos
Un equipo da Universidade da Coruña formado por investigadores do grupo de Xestión Sostible dos Recusos Hídricos e do Solo (AQUATERRA), participa no proxecto europeo SUS-SOIL. A iniciativa, coordinada pola Universidade de Santiago de Compostela xunto cun consorcio de 25 socios, entre eles a UDC, ten como fin a avaliación da saúde e funcionalidade dos solos baixo diferentes estratexias agroecolóxicas de manexo de cultivos.
O proxecto SUS-SOIL, que acadou unha financiación de 7 millóns de euros do programa Horizonte Europa, busca estudar a saúde dos solos desde diversas perspectivas (físicas, químicas e biolóxicas). Neste sentido establece 15 experiencias piloto repartidas por toda Europa, para determinar o seu grao de sustentabilidade.
Ademais, a iniciativa estuda a capacidade dos solos para o secuestro de carbono, o cal é de gran interese na rexión de Galicia debido ás características particulares dos nosos solos. Está previsto que as primeiras etapas do proxecto dean comezo en outono deste ano.
A investigadora Vanessa Álvarez López, coordinadora do equipo de traballo da UDC, sinala que a financiación de proxectos de investigación multidisciplinares na que se poña en relevo o papel da microbioloxía do solo, é clave para dar valor aos sistemas agrarios sostibles a longo prazo.