Instalan un sistema de aerotermia na Casa do Concello de Vilarmaior ao abeiro dos fondos NextGenerationEU

ACoruñaXa
O municipio recibe unha achega de 20.400 euros para avanzar na eficiencia enerxética do edificio consistorial
CONCELLO VILARMAIOR
25 Nov 2025

O Concello de Vilarmaior vén de recibir unha axuda de 20.400 euros procedente do programa de incentivos ás enerxías renovables en edificios públicos, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. A actuación permitirá instalar un novo sistema de aerotermia de 27,20 kW na Casa do Concello, cun investimento total que ascende a 34.589 euros sen IVE .

A intervención inscríbese na resolución emitida o 5 de xuño de 2023 polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto forma parte do subproxecto C07.I01.P01.S16.SI01.S36, ligado ao fomento do autoconsumo e das enerxías renovables térmicas en infraestruturas do sector público.

Segundo a documentación municipal, o obxectivo da actuación é incrementar a capacidade de produción de enerxías renovables innovadoras e de valor engadido. A nova instalación permitirá reducir o consumo enerxético do edificio consistorial, avanzar cara a un modelo máis sostible e diminuír o impacto ambiental da actividade municipal.

⚙ Configurar cookies
0.074573040008545