Instalada unha carpa no colexio de O Graxal mentres avanzan as obras no polideportivo de Cambre

O Concello de Cambre informou da instalación dunha carpa no patio do colexio de O Graxal, unha medida provisional que permitirá dispoñer dun espazo cuberto mentres continúan as obras de reparación no interior do polideportivo municipal.
Dende o goberno local lembran que o peche temporal destas instalacións está a xerar incomodidades tanto para a comunidade escolar como para as entidades deportivas que fan uso habitual do recinto. Por este motivo, o Concello quixo trasladar publicamente as súas desculpas polas molestias ocasionadas e agradecer a paciencia e comprensión das familias e persoas usuarias.
A carpa instalada no colexio de O Graxal servirá para minimizar o impacto das obras, facilitando a realización de parte das actividades programadas a pesar de que o polideportivo permanece pechado por motivos de seguridade e mantemento.
O Concello comprométese a informar puntualmente da evolución dos traballos e da reapertura das instalacións en canto sexa posible, co obxectivo de recuperar a normalidade no uso do polideportivo o antes posible.