Inminente arranque das obras das 146 vivendas protexidas en Perillo, Xaz e Mera

O Concello de Oleiros confirmou o inicio inmediato das obras das cooperativas de vivenda protexida de Perillo e Xaz, mentres que a promoción de Mera (que precisou unha modificación de uso dos baixos para vivendas) encamiñarase aos primeiros meses de 2026. En total, 146 familias accederán a unha vivenda a través destas tres cooperativas promovidas pola administración local mediante a venda de solo municipal a prezos por debaixo do mercado. Só queda dispoñible unha última vivenda na cooperativa de Mera.
O alcalde, Ángel García Seoane, salientou que os pisos teñen un prezo medio de 215.000 euros para tipoloxías de tres dormitorios, unha cifra que, segundo indicou, no mercado actual estaría entre 350.000 e 450.000 euros polos emprazamentos reservados (centro de Perillo, urbanización de Xaz e centro de Mera).
Tras as reclamacións do Concello pola falta de axudas efectivas da Xunta ás cooperativas, a administración autonómica resolveu unhas subvencións que asignan 1.080.000 euros ás promocións de Xaz e Perillo. Esta achega permitirá rebaixar en 10.000 euros o importe de adquisición de cada vivenda. O prezo final variará en función dos metros cadrados, conforme aos parámetros da Xunta de Galicia. O Goberno local subliña que en ningún caso, nin antes das axudas, o custo dos pisos protexidos acadaba os 300.000 euros, como afirmara a oposición.
O executivo municipal avanzou tamén que nas próximas semanas porá á venda novo solo en condicións vantaxosas para levantar máis vivenda protexida no centro de Oleiros. Unha vez adxudicado o solo, abrirase o proceso de inscrición e informarase ás persoas interesadas. 'É unha política única a nivel municipal en Galicia. Aínda que non temos competencias, actuamos porque vemos o problema e porque nin Xunta nin Estado fan na práctica o necesario', rematou o rexedor.