Inés Rey sométese a unha cuestión de confianza para que os Orzamentos 2025 entren en vigor en abril

ACoruñaXa
O BNG considera que as contas non son críbeis e o PP presenta unha emenda para modificar as Bases de execución
ines-rey-pleno
6 Feb 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, trasladou no pleno ordinario que se someterá a unha cuestión de confianza o vindeiro martes 11 de febreiro tras o voto en contra dos partidos da oposición aos Orzamentos Municipais 2025. O obxectivo do Goberno municipal é conseguir desta maneira que os orzamentos deste ano que afirman, sos máis elevados dos propostos nunca na Coruña, entren en vigor na primeira semana do mes de abril.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, lembrou hoxe que as contas previstas para este exercicio, de 379 millóns de euros —catro máis que o ano pasado—, “son as máis elevadas de todas cantas tivo antes este Concello, deseñadas para ampliar o escudo social e para apostar polo barrios mediante un plan con investimentos plurianuais como non se tiña posto en marcha antes”.

Como informou días atrás a alcaldesa, o proxecto de orzamentos para este ano contempla partidas fundamentais para acometer, por exemplo, a rehabilitación da Terraza con vistas a que acolla a sede definitiva da AESIA. Son catro millóns de euros aos que se suman outros 1,5 para iniciar a redacción do proxecto de remodelación do estadio municipal de Riazor, tamén outros 865.000 para finalizar a urbanización dos espazos da Cidade das TIC.

O proxecto de orzamentos, presentado a finais de xaneiro, tamén inclúe as achegas municipais a intervencións de carácter interadministrativo como a renovación da fachada marítima e a integración dos peiraos na cidade, as obras da estación intermodal e as do Novo CHUAC, mais, como incidiu Lage no pleno, tamén investimentos nos barrios. “O Plan de Barrios pensado ata o 2028 contempla destinar 53,7 millóns só para a súa primeira fase, ata abril de 2027, o que supón o groso dos investimentos previstos polo Concello”, destacou

Lage, que apuntou a unha das grandes novidades anunciadas polo Goberno de Inés Rey en materia de barrios para este exercicio: a creación dunha nova rede de Oficinas de Atención Cidadá nos dez distritos da cidade, para recoller as achegas e facilitar as consultas da veciñanza en cada barrio.

CRÍTICAS DEL BNG

O grupo municipal do BNG votou contra o proxecto de orzamentos formulado polo Goberno local para 2025 porque as contas non son críbeis, exclúen a participación cidadá
na súa elaboración -ao non se prever a realización dos presupostos participativos- e recortan as competencias de control do Pleno.

No transcurso do Pleno ordinario de febreiro, os nacionalistas explican que o proxecto foi rexeitado ao ser votado en contra polo BNG e polo PP e só ter os votos a favor dun Goberno local que está en minoría na Corporación e que só pode garantir a gobernabilidade do Concello se, como lle dixo durante a súa intervención do portavoz, Francisco Jorquera, muda de actitude.

“Non se pode gobernar catro anos en minoría e a golpe de cuestión de confianza. Está na súa man rectificar se, de verdade, queren asegurar a gobernabilidade do Concello”, afirmou Jorquera. O Goberno local, consideran, abócase agora a unha cuestión de confianza após ser rexeitado o proxecto de orzamentos.

O PP PRESENTA UNHA EMENDA

O Grupo Popular no Concello da Coruña levará ao Pleno unha emenda ao orzamento de 2025 para modificar as Bases de execución e incrementar partidas destinadas a mellorar os barrios, o benestar social, a vivenda, a seguridade, o comercio local, o deporte, a cultura e a educación. O portavoz popular, Miguel Lorenzo, explicou que a súa proposta busca garantir a transparencia na xestión municipal e reforzar o control e fiscalización do uso dos recursos públicos.

0.14782500267029