Inés Rey, sobre o Deportivo Abanca: "O orgullo da Coruña volve ser as súas talentosas mulleres"

ACoruñaXa
A alcaldesa recibiu ao equipo en María Pita, onde a afección celebrou o triunfo desde a praza
Inés Rey recibe no pazo de María Pita ás xogadoras do Deportivo Abanca
23 Apr 2024

As xorgadoras do Real Club Deportivo Abanca veñen de acadar este domingo o ascenso á Liga F, primeira división do fútbol feminino español.

Neste sentido, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu onte á tarde ao equipo e á directiva do Real Club Deportivo ABANCA logo de acadar onte o ascenso á máxima categoría nacional do fútbol feminino, a Liga F. A rexedora compareceu acompañada por Álvaro García Diéguez, presidente do Deportivo, e por Cristina Martínez, capitana do Dépor ABANCA.

"Hoxe o orgullo da Coruña volve ser o orgullo das súas talentosas mulleres", sinalou Inés Rey, que quixo destacar que hai 100 anos Irene González Basanta sentaba as bases do fútbol feminino coruñés: "Nesta urbe, as mulleres somos fillas do traballo en común, e o voso foi magnífico", engadiu.

As xogadoras e o equipo técnico puideron celebrar desde o balcón do Palacio Municipal de María Pita o ascenso a Liga F xunto coa afección que se achegou ata a praza. "Tanto a afección que acudiu en milleiros ao estadio de Riazor, como esa base fiel de seareiros e seareiras que sempre está en Abegondo, nas boas e nas malas, conforman con vós unha unidade virtuosa, non se pode entender a unhas sen as outras", indicou Rey durante a súa intervención. A alcaldesa fixo entrega ao Dépor ABANCA dunha Torre de Hércules conmemorativa da ocasión.

0.15050506591797