Inés Rey rexeita a intención da Xunta e a USC de centralizar a docencia de Medicina en Galicia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, manifestou a súa firme oposición á proposta do Sergas e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) de adscribir de forma inmediata todos os centros sanitarios galegos á USC para a docencia de Medicina. Esta medida afectaría, entre outros, aos hospitais universitarios da Coruña e Ferrol, que desde 2001 están vinculados exclusivamente á Universidade da Coruña (UDC), así como ao Complexo Hospitalario de Vigo.
Durante a rolda de prensa tras a Xunta de Goberno Local, Rey denunciou que a aprobación do novo convenio entre Sergas e USC implicaría que a formación clínica en Medicina se impartiría integramente por profesorado da USC en todos os hospitais da comunidade. “E iso non é descentralizar, senón todo o contrario: recentralizar”, advertiu a rexedora.
A alcaldesa tamén pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “non dé un paso que supón romper cun acordo que funcionou nos últimos 25 anos”, un convenio que, segundo Rey, “vai contra os profesionais sanitarios da Coruña, tamén os docentes, contra o INIBIC —acreditado polo Instituto Carlos III— e, en definitiva, contra a cidade da Coruña”.
Rey destacou que esta iniciativa do Goberno autonómico “non só suporá que non se lle dea á nosa cidade a titulación que reclama e merece, senón que tamén producirá un retroceso sen precedentes no acadado ata agora”. Por todo iso, a alcaldesa insistiu en reclamar á Xunta “que rectifique de inmediato e non rompa cun consenso que respondía á realidade galega”.
Con esta postura, a alcaldesa defende a continuidade dun modelo descentralizado na formación sanitaria que reforza o papel da Coruña como cidade universitaria e sanitaria de referencia en Galicia.