Inés Rey reivindica a intermodal como motor da mobilidade e da renovación urbana na Coruña

ACoruñaXa
A alcaldesa visita, xunto ao Ministerio de Transportes, as obras de transformación da estación de San Cristovo e a nova conexión viaria entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo, cun investimento municipal de máis de 3,8 millóns de euros
A CORUÑA intermodal
11 Dec 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe na visita institucional ás obras da futura estación intermodal, que supoñen a remodelación integral da antiga terminal ferroviaria de San Cristovo e unha ampla reurbanización do seu contorno inmediato. A actuación, coordinada polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, busca integrar nun mesmo punto os servizos ferroviarios e de autobús e mellorar as conexións coa cidade.

No percorrido estiveron tamén o secretario de Estado de Transportes y Movilidad Sostenible, José Antonio Santano, o presidente de ADIF, Pedro Marco, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que repasaron os últimos avances do cronograma de traballos.

Rey destacou o compromiso do Goberno local cun proxecto que cualificou de estratéxico. Segundo indicou, a nova estación intermodal será fundamental para a mobilidade da Coruña dos vindeiros anos e terá un efecto tractor sobre os barrios limítrofes, especialmente Os Mallos, Vioño e a Sagrada Familia, tanto en termos de accesibilidade coma de renovación urbana e creación de espazos públicos máis amables.

A achega económica do Concello á intermodal ascende a 14,6 millóns de euros, dos que 9 proceden dunha transferencia do propio Ministerio de Transportes destinada a facilitar a execución das obras municipais vinculadas ao proxecto. Estes fondos permitiron liberar recursos do orzamento coruñés para arrincar actuacións complementarias na contorna da estación.

Entre esas intervencións figura a reurbanización integral da avenida da Sardiñeira, xa finalizada, cun investimento de 1,6 millóns de euros. A actuación incorporou beirarrúas máis amplas, melloras na accesibilidade, novo carril bici e máis espazo para o uso peonil, configurando un corredor que no futuro conectará directamente coa avenida de Arteixo e coa nova estación de autobuses.

En paralelo, o Concello executa a nova vía de dobre sentido que unirá a Sardiñeira coa avenida de Arteixo, cun orzamento de 2,2 millóns de euros. Trátase dunha rúa de nova creación, pensada para canalizar o tráfico específico da intermodal cara ao interior da cidade e aliviar así a circulación na avenida de Arteixo, especialmente ao seu paso por Vioño. O obxectivo municipal é que esta conexión quede rematada no primeiro trimestre de 2026, coincidindo co avance das obras principais da estación.

A futura intermodal coruñesa completarase cunha pasarela que conectará as terminais de tren e autobús, así como con melloras nos accesos peonís e ciclistas, nun investimento global que diversas administracións sitúan por riba dos 100 millóns de euros. A intención das institucións implicadas é que a infraestrutura se converta nun nodo clave da rede ferroviaria e viaria galega, favoreza o uso do transporte público e contribúa á segunda modernización da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.07788610458374