Inés Rey presenta en Milán as políticas sostibles da Coruña no foro 'Pact4Future'

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou en Milán no foro 'Pact4Future', representando aos alcaldes europeos como membro do Comité das Rexións. Durante o evento, interveu nunha mesa redonda sobre desenvolvemento sostible xunto co alcalde da cidade canadense de Kitchener, Berry Vrbanovic, e Fabrizio Rossi, secretario xeral do Consello dos Municipios e Rexións de Europa.
Rey presentou as políticas innovadoras en materia de sostibilidade que se están a desenvolver na Coruña, destacando iniciativas como Bici Coruña, un caso de éxito na transformación da mobilidade urbana e na redución de emisións. Ademais, puxo en valor as peonalizacións impulsadas polo Concello, subliñando que actualmente “o 90 % do centro da cidade xa é camiñable de forma segura e amable para as persoas”.
A rexedora coruñesa abordou as posibles reticencias ante un cambio de modelo urbano, destacando que é a propia cidadanía, a través da veciñanza e do comercio local, quen demanda as peonalizacións polos seus beneficios económicos, sociais e medioambientais. Segundo Rey, estas accións contribún a reforzar a economía local, fomentar a vida comunitaria e mellorar o benestar físico e mental das persoas.
A alcaldesa subliñou a gran oportunidade que se abre para a Coruña co proxecto de integración porto-cidade. Neste sentido, reafirmou o seu compromiso de desenvolver este proxecto baixo criterios de sostibilidade, poñendo sempre as persoas no centro das actuacións. Ademais, destacou os beneficios que suporá para a cidadanía contar con máis espazos públicos comúns, incidindo no consenso administrativo e social respecto a que a apertura do porto á cidade mellorará significativamente a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas.