Inés Rey partipa na xornada organizada pola FEGAMP polo 8M e destaca o papel da mocidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu a apertura da xornada organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) co motivo do Día Internacional da Muller, baixo o lema 'A mocidade, forza motriz para a igualdade'. A xornada contou tamén coa presenza de María Barral, vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos.
Durante a súa intervención, Inés Rey subliñou a importancia de involucrar ás novas xeracións na construcción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, destacando o papel crucial dos concellos na garantía de dereitos e na implementación de políticas feministas. "É fundamental que as novas xeracións se sintan parte do cambio e poidan construír un futuro onde a igualdade sexa a norma", indicou a alcaldesa.
Rey puxo en valor o traballo que se realiza dende os municipios para integrar a perspectiva de xénero en todas as áreas de goberno e subliñou a necesidade de seguir avanzando na creación de espazos de reflexión e acción para mellorar a igualdade. A alcaldesa tamén abordou os desafíos aos que se enfrontan as mulleres novas, como a violencia dixital ou as dificultades para acceder a espazos de liderado, facendo un chamamento á responsabilidade das administracións para loitar contra estas problemáticas dende a base.
Ademais, Inés Rey aproveitou a ocasión para felicitar á FEGAMP pola organización dunha xornada que inclúe dúas mesas de debate sobre o papel dos concellos como garantes de dereitos e as boas prácticas en materia de igualdade con foco na mocidade. "A igualdade non é só un obxectivo, é unha responsabilidade compartida", concluíu a alcaldesa, reafirmando o compromiso das administracións locais na loita por unha igualdade real e efectiva.