Inés Rey escoita as demandas da CSIF sobre a ampliación de xulgados de violencia machista

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo unha reunión en María Pita cos representantes da Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF), Áurea Fernández Basanta e Manuel José Lago, para abordar a situación da xustiza en Galicia, en concreto os plans para ampliar os xulgados de violencia sobre a muller.
Durante o encontro, no que tamén participou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Inés Rey amosou unha valoración positiva á proposta de creación de catro novos xulgados especializados en violencia de xénero na comunidade autónoma. Non obstante, coincidiu co sindicato na necesidade de evitar que esta ampliación se realice a custa de reconverter os actuais xulgados de instrución.
“É imprescindible reforzar os recursos destinados á loita contra a violencia machista, pero non podemos facelo debilitando outros ámbitos esenciais da xustiza”, sinalou Rey.
Desde a CSIF advertiron que a transformación de xulgados de instrución para este fin podería agravar aínda máis a situación de colapso que xa sofren estes órganos en Galicia. Por este motivo, solicitaron o apoio institucional do Concello da Coruña para que a proposta final pase pola creación de novos xulgados sen afectar aos existentes.
A alcaldesa comprometeuse a trasladar esta preocupación ás administracións competentes e reiterou a súa aposta por unha xustiza “máis eficaz, especializada e con recursos suficientes, que garanta a protección das vítimas sen comprometer outros servizos xudiciais fundamentais”.