Inés Rey enxalza o talento das investigadoras Verónica Bolón e Cristina Blanco, galardoadas cos Premios Nacionais de Investigación

ACoruñaXa
A alcaldesa destaca o seu exemplo para inspirar ás novas xeracións e promove a visibilización das mulleres na ciencia
Premiso Nacionais Investigación Coruña
20 Dec 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu hoxe en María Pita a Verónica Bolón e Cristina Blanco, investigadoras da Universidade da Coruña (UDC) que foron recoñecidas este ano cos Premios Nacionais de Investigación 2024 na categoría de investigadores mozos, galardón concedido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Bolón, natural de Carballo e profesora de Enxeñaría Informática na UDC, foi premiada na categoría María Andresa Casamayor polo seu destacado traballo en aprendizaxe automática, con especial énfase na sostibilidade e nas aplicacións sociais da intelixencia artificial. Forma parte do CITIC e da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España desde 2022.

Cristina Blanco, pola súa banda, foi distinguida na modalidade María Moliner polos seus estudos en historia contemporánea, que a posicionaron a nivel internacional, destacando as súas investigacións sobre o proceso de integración europea.

Durante o acto, acompañada polo reitor Ricardo Cao e o vicerreitor Jerónimo Puertas, Rey subliñou que “o esforzo, capacidade e talento destas profesionais son valores esenciais para transmitir ás novas xeracións”. Tamén destacou a importancia da visibilización das mulleres na ciencia, sinalando avances como a recente celebración na Coruña do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que contou coa participación de figuras como Sara García, primeira astronauta española da ESA.

⚙ Configurar cookies
0.63918900489807