Inés Rey e Alfonso Rueda selan o acordo que desbloquea a rehabilitación de Santa Lucía

O futuro centro de saúde e centro cívico de Santa Lucía dá un paso decisivo tras quince anos de reivindicación veciñal. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron este xoves o convenio de colaboración que permitirá comezar as obras de rehabilitación do antigo mercado da Falperra, cun investimento total de 10,3 millóns de euros.
“A creación do centro de saúde de Santa Lucía non era unha demanda máis, senón unha das máis relevantes porque suporá mellorar a atención sanitaria de todo un barrio da cidade, a creación dun espazo de encontro para os veciños e veciñas, a dinamización económica do barrio e, ao mesmo tempo, a rehabilitación dun edificio que leva xa demasiados anos en desuso”, sinalou Rey durante o acto institucional celebrado no Salón Real do Palacio Municipal.
O proxecto, que xa conta coa luz verde da Xunta de Goberno local para a súa licitación, será financiado a medias entre Concello e Xunta, cunha achega adicional de 3 millóns de euros procedentes de fondos europeos PIREP. A previsión é que os traballos comecen antes de rematar o ano e se prolonguen durante 18 meses, co obxectivo de ter a infraestrutura finalizada en 2027.
O deseño arquitectónico corre a cargo do estudo Burgos & Garrido, gañador do concurso de ideas convocado polo Concello. A proposta destacou pola súa aposta pola eficiencia enerxética, o respecto polos materiais e formas do edificio orixinal —obra de Manuel Gallego Jorreto— e unha redistribución interior que favorece a entrada de luz natural, mantendo a esencia industrial do recinto.
A actuación permitirá dotar á cidade dun novo equipamento sanitario, cultural e social, que tamén aliviará a carga asistencial do ambulatorio de Federico Tapia. “Queremos agradecerlle á veciñanza da Falperra a súa paciencia infinita ao longo destes anos. Porque en proxectos complexos coma este sabes cando empezas a tramitación pero custa moito poder comprometer unha data acertada de inicio das obras”, recoñeceu a alcaldesa. “Agora non é un anuncio, é unha realidade”.
Inés Rey tamén agradeceu “o compromiso real e efectivo” do presidente da Xunta e o traballo dos equipos técnicos de ambas administracións “que traballaron rigorosa e lealmente para que hoxe esteamos aquí e cun proxecto que nos satisfai ás dúas partes”.