Inés Rey detalla a nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico

ACoruñaXa
A alcaldesa de Coruña indica que a iniciativa procura combater o incremento do prezo da vivenda
ines_rey_ALCALDESA_DINIS_XGL_004
29 Jan 2025

O Concello da Coruña, liderado pola alcaldesa Inés Rey, prevé aprobar nos próximos días unha nova ordenanza para regular as vivendas de uso turístico (VUT). A iniciativa busca combater o incremento do prezo da vivenda e paliar a redución de inmobles dispoñibles para alugueiro, asegurou a rexedora nunha rolda de prensa acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego.

A rexedora deu detalles e, entre as principais medidas, a nova ordenanza prohibirá situar as VUT sobre vivendas de uso residencial, permitindo a súa localización en plantas baixas, primeiras ou edificios destinados exclusivamente a este uso. Ademais, os propietarios de VUT sen habilitación administrativa disporán dun prazo de tres meses, tras a entrada en vigor da norma, para regularizar a súa situación ou dar de baixa o inmoble no Rexistro da Xunta.

Outro aspecto clave será a delimitación de “zonas saturadas” de VUT, onde se restrinxirá a implantación de novos inmobles deste tipo. A medida aplicarase en distritos cunha densidade superior a 0,5 VUT por cada 100 habitantes.

Díaz Gallego destacou que a normativa busca equilibrar o turismo co dereito á vivenda. “A Coruña é unha cidade aberta e o turismo é clave para a economía, pero é urxente atender as complicacións de acceso á vivenda nun mercado tensionado”, sinalou. A ordenanza incluirá procesos de exposición pública e alegacións antes da súa aprobación definitiva.

0.16744899749756