Inés Rey destaca o impulso da vivenda pública e a integración do porto no ecuador do seu mandato

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou no Palacio Municipal de María Pita un balance dos dous primeiros anos do seu segundo mandato, destacando que “A Coruña está vivindo un dos mellores momentos da súa historia recente”. Rey puxo o foco en dúas prioridades principais para a súa acción de goberno: a vivenda pública e a integración do porto na cidade, dous compromisos clave asumidos coas persoas coruñesas.
En materia de vivenda, Rey subliñou que “a primeira prioridade” foi activar a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado, unha medida pioneira en Galicia para frear os prezos abusivos do alugueiro e ampliar a oferta habitacional. O Plan Municipal de Vivenda 2023-2030 xa está en marcha, con zonas estratéxicas como Visma e Xuxán, e o Concello logrou mobilizar 695 vivendas públicas en solo municipal, autonómico e estatal que estarán dispoñibles antes de 2028. “Esta é a nosa resposta: política útil, acción directa e horizonte a longo prazo”, asegurou a alcaldesa.
Ademais, destacou a actividade na xestión urbanística, con 1.315 licenzas concedidas para vivendas e máis de 8.000 expedientes tramitados, así como a activación do Plan de Ruínas que afecta a catro edificios. Tamén mencionou a recente aprobación do Regulamento das Vivendas de Uso Turístico, elaborado en consenso coa mesa de vivenda, para aliviar a presión sobre o parque residencial como complemento á política habitacional.
No apartado da Coruña Marítima, Rey sinalou que o Protocolo asinado coa Xunta e outras administracións desbloqueou “un problema histórico” e puxo en marcha un proxecto estratéxico para os próximos 20 anos. O proceso participativo contou con máis de 700 achegas cidadás, e actualmente está en licitación o Master Plan para recuperar 9 quilómetros do bordo litoral. “Serei garante de que os acordos se cumpran e de que os terreos portuarios se convertan no maior e mellor espazo urbano de Galicia”, comprometeuse.
A alcaldesa tamén resaltou o diálogo e os acordos alcanzados coa corporación, destacando que se aprobaron 9 novas ordenanzas e que de 123 asuntos levados a pleno, 119 foron aprobados, 48 por unanimidade. Fixo especial fincapé no protocolo asinado co Concello de Arteixo para fortalecer a área metropolitana coa mobilidade como eixo prioritario.
Entre outros avances, Rey citou a concesión demanial para un novo parque urbano no Observatorio, o desbloqueo do centro de saúde de Santa Lucía, a posta en marcha do quinto colector e da nova planta de tratamento de Nostián, a modernización urbana en todos os barrios e proxectos emblemáticos como San Andrés, Pla e Cancela, Cantóns e Sardiñeira.
Tamén destacou o estudo do novo prego de transporte urbano, con máis de 1.600 achegas cidadás, a expansión de BiciCoruña, o reforzo da seguridade coa app ‘Comercio Seguro’ e a convocatoria da Mesa de Seguridade e Convivencia. En innovación, puxo en valor a creación da AESIA e a captación de 4,4 millóns para proxectos de intelixencia artificial.
En cultura e deporte, Rey destacou a participación de máis de 1,3 millóns de persoas en actividades municipais, a renovación de instalacións deportivas con 2,3 millóns de euros de investimento e o apoio a máis de 130 eventos deportivos, 27 deles internacionais, ademais dos avances no Plan de Protección e Reforma da Torre de Hércules.
Este balance reflicte, segundo a alcaldesa, “un momento de transformación e compromiso coa cidade, cunha aposta clara pola vivenda digna, o espazo público e a participación cidadá”.