Inés Rey destaca a importancia de manter hábitos saudables no programa “Coruña en Forma”

ACoruñaXa
O programa conta con sete modalidades deportivas dirixidas por persoal especializado
corunha-en-forma
9 Jul 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou unha das sesións do programa municipal “Coruña en Forma”, que durante os meses de xullo e agosto se desenvolve de luns a venres na explanada da dársena de Riazor. A rexedora salientou a relevancia de manter hábitos de vida saudables durante todo o ano.

“É moi importante que a cidadanía, sexa cal sexa a súa idade e condición, practique deporte os 12 meses do ano e por iso desde o Goberno municipal impulsamos cada verán un programa de actividades deportivas gratuítas en diferentes espazos da cidade”, explicou Rey, que estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

“Coruña en Forma” ofrece actividades de mantemento físico abertas a toda a cidadanía, sen importar idade ou condición física, e desenvólvese en 11 localizacións da cidade, achegando o deporte aos diferentes barrios. O programa conta con sete modalidades deportivas dirixidas por persoal especializado, que guía ás persoas participantes cun nivel de intensidade moderado. As disciplinas que se poden practicar, en horario de mañá e tarde, son ioga, tai-chi, ximnasia aeróbica, zumba, maiores en forma, pilates e tonificación muscular.

Entre os espazos destacados neste programa está a incorporación do parque de Eirís, sumándose aos puntos tradicionais como o miradoiro do Matadoiro, o parque Europa, o Barrio das Flores, a praia de Riazor, a praza Elíptica, o parque de Vioño, a praza dos Mariñeiros, a praza dos Avós, Novo Mesoiro (campo Cruyff Court) e a praza de Espazo Coruña.

 

⚙ Configurar cookies
0.18926692008972