Inés Rey destaca a Estación Intermodal como símbolo da segunda modernización da Coruña

ACoruñaXa
Durante o Foro Urbano, no que participaron preto dun cento de persoas, representantes de entidades veciñais, sociais e empresariais
ines-rey-intermodal
19 Feb 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fxo fincapé durante o Foro Urbano da Axenda Urbana 2030 en que a nova Estación Intermodal supón un claro exemplo da segunda modernización da Coruña. No evento, celebrado no Centro Cívico de Os Mallos, presentou os avances na Axenda Urbana así como proxectos en marcha para a contorna da Estación Intermodal, especialmente nos barrios lindeiros: “Estamos a falar dunha transformación que permitirá integrar mellor Os Mallos e Sagrada Familia coa nova realidade intermodal e co resto da cidade, xerando novas oportunidades para estes barrios”, sinalou Rey.

Durante o encontro, a rexedora puxo en valor a posta en marcha da primeira fase do Plan de Barrios 2025-2027, con 53 millóns de euros para investimentos en toda a cidade. Nese sentido, expuxo o proxecto 'Conectando a Rolda dos Barrios' recollido no Plan, iniciativa coa que se prevé mobilizar investimentos por 20 millóns de euros: “Prevemos diferentes actuacións para mellorar a accesibilidade, a mobilidade e o atractivo urbano de Os Mallos e Sagrada Familia, promovendo a súa integración efectiva na cidade e garantindo que a chegada da intermodalidade non supoña unha barreira, senón unha oportunidade para os veciños e veciñas”, explicou a alcaldesa.

O Foro Urbano tamén serviu como espazo de revisión da Axenda Urbana 2030, permitindo actualizar as prioridades identificadas en 2022 para adaptalas ás novas oportunidades e necesidades da cidade: “A participación cidadá é clave para o modelo de cidade que estamos a construír. Queremos escoitar, debater e integrar as achegas da veciñanza porque A Coruña faise entre todos e todas”, concluíu a alcaldesa.

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, fixo un repaso polos proxectos en marcha e destacou que a Intermodal supón cambio de paradigma na planificación urbana da Coruña: “Non se trata só de construír infraestruturas, senón de garantir que teñan un impacto positivo e directo na vida das persoas”, afirmou.

Preto dun cento de persoas, representantes de entidades veciñais, sociais e empresariais, participaron no Foro Urbano que contou con dúas dinámicas participativas para a posta en común de propostas e inquedanzas, reforzando o compromiso do Concello coa participación cidadá como eixo fundamental da planificación urbana. “Non podemos falar dunha transformación real da cidade sen contar cos barrios e sen atender ás necesidades da veciñanza”, afirmou a alcaldesa.

 

0.17127299308777