Inés Rey defende ante o tecido empresarial o modelo de Goberno da cidade como chave para o progreso
Esta mañá celebrouse o almorzo informativo de traballo da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, con empresarios da cidade e da área metropolitana coruñesa organizado por Executive Forum España. A alcaldesa quixo compartir co tecido empresarial o modelo de Goberno da Coruña como fórmula de progreso e avance para Galicia. "Representamos un modelo de progreso, con fortes cimentos e creo que é moi indicativo sobre cara a onde debería camiñar tamén o noso país" indicou a alcaldesa.
No almorzo estiveron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla; os xerentes e directores dos polígonos industriais así como outras asociacións empresariais e principais actores do tecido económico da cidade.
Durante o encontro Inés Rey destacou a potencialidade da cidade como motor económico de Galicia en diferentes eidos e o seu dinamismo e capacidade de adaptación como característica principal da Coruña. Ademais, sinalou a importancia de entender o territorio como fórmula de bo goberno: "Entender A Coruña é o primeiro requisito para extraer dela toda a inmensa potencialidade que contén".
Nese sentido, Rey apuntou á segunda gran modernización da Coruña como novo impulso á cidade logo do modelo de transformación vivido nos anos oitenta. Puxo de exemplo a AESIA e a Cidade das TIC como proxectos de longo percorrido e garante económico da cidade e o contrapuxo coa proposta da Xunta a nivel autonómico "gobernar non é atender a impulsos, senón plasmar un proxecto" aseverou a rexedora.
Ademais, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, destacou a importancia deste tipo de encontros onde se promove o diálogo e a colaboración entre administracións e o tecido empresarial de Galicia.